Un tornado en Sanxenxo causa desfeitas en casas, naves e un colexio

Descoñécese a intensidade concreta, pero provocou varias desfeitas no municipio.


|

Sanxenxo tornado desfeitasDesfeitas provocadas nunha vivenda. Foto: Emerxencias Sanxenxo


O tornado que afectou o municipio de Sanxenxo este mércores causou desfeitas en polo menos unha vintena de casas, un colexio e dúas industrias, e afectou tamén o paseo marítimo da praia da Lanzada.


O propio alcalde, Telmo Martín, fixo reconto in situ das desfeitas que causou o tornado, principalmente nas parroquias de Noalla e Vilalonga. Das dúas industrias afectadas, unha delas é un serradoiro de pedra que perdeu gran parte do tellado e deixou á intemperie máquinas de gran valor.


Especialmente afectado resultou o CEIP O Telleiro que foi evacuado de maneira preventiva polos danos sufridos sen que se rexistraran feridos. Concretamente, tiveron que ser desaloxados ao redor de 150 alumnos que este xoves tampouco terán clase como medida de precaución, segundo informou a Europa Press a consellería de Educación.



Emerxencias Sanxenxo informou a través do seu Twitter que probablemente se trate dunha tromba mariña.



Segundo informaron a Europa Press fontes de Meteogalicia, o tornado foi detectado polo radar, pero descoñécese a intensidade concreta, debido a que non hai unha estación no punto no que se observou.


TERCEIRA VEZ


É a terceira ocasión na que un temporal esnaquiza o paseo construído pola Xunta na Lanzada polo que Telmo Martín aconsellou aos técnicos que renuncien a construílo en tarima de madeira e opten por outros materiais respectuosos co medio ambiente.


Os efectivos dos bombeiros de Ribadumia e de Emerxencias de Sanxenxo interviñeron no lugar do Freixo onde unha vivenda rexistrou danos importantes no tellado e nas xanelas e desprendéronse cascotes.


OUTROS DANOS EN SANXENXO


Outras casas do mesmo lugar sufriron danos, concretamente nos tellados, aínda que en menor medida que a anterior. Tamén caeron árbores, algunha delas sobre o tendido eléctrico e telefónico que tamén se viu afectado.


Ademais, o 112 informou que os axentes de seguridade local tiveron coñecemento dun transformador botando fume na subida ao cemiterio de Noalla, aínda que sen causar máis danos na contorna.


DANOS EN CERDEDO-COTOBADE


Fontes de Meteogalicia indicaron, ademais, que os "ecos" do tornado desprazáronse cara ao municipio pontevedrés de Cotobade, pero segundo as mesmas fontes a este punto xa non chegaron ventos na forma de tornado, aínda que se rexistraron fortes sarabiadas e tormentas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE