​"Once escritos" sen resposta para coñecer a calidade da auga

|

Auga vigo turbia


O PP no Concello de Vigo pedirá a mediación da Valedora do Pobo ante a falta de resposta do goberno municipal ás súas múltiples peticións sobre os análises de calidade do auga efectuados pola concesionaria Aqualia.


Así o manifestou a portavoz do grupo, Elena Muñoz, nunha rolda de prensa na que lembrou que o PP presentou "once escritos" solicitando ao goberno local os resultados das analíticas de calidade da auga efectuadas nos meses de novembro e decembro. "Seguen sen dárnolos. E o outro día o concelleiro (David) Regades no pleno fixo o ridículo, porque anunciou que llos entregaría ao PP e á prensa, e non o fixo", apuntou.


Muñoz preguntou por que o equipo de Abel Caballero non facilita esa información "se todo está tan ben", e sinalou que hai unha "ocultación deliberada da realidade", aínda que o alcalde "non poderá escapar da súa responsabilidade e competencia".


MEDIDAS DE LONGO PRAZO


O BNG pedirá no Parlamento de Galicia que o Concello de Vigo, a Xunta e o Goberno central poñan en marcha un plan integral consensuado para mellorar a rede de abastecemento desde o encoro de Eiras, así como a modernización da planta potabilizadora de Ou Casal.


Así o trasladou, nunha rolda de prensa, o deputado nacionalista Luís Bará, quen lembrou que os problemas de subministración na área de Vigo non son puntuais, e que xa houbo varios episodios de seca nos últimos anos sen que se tomaron medidas de longo prazo.


Segundo Bará, "a responsabilidade é compartida" por todas as administracións. Por unha banda, a administración central ten un plan de calidade de augas; por outro, a Xunta elaborou un plan de investimento en infraestruturas hidráulicas en 2013 que non chegou a executar; e, finalmente, o Concello de Vigo prorrogou o contrato á concesionaria sen esixirlle melloras no sistema de abastecemento.


TRANSVASAMENTO DO VERDUGO


A Plataforma en Defensa do río Verdugo (Pladever) solicitou por escrito unha reunión con Augas de Galicia e os alcaldes dos municipios que se abastecen do encoro de Eiras, para presentarlles individualmente os resultados dun estudo multidisciplinar que sostén que o transvasamento do río Verdugo "resultaría ineficaz".


O portavoz de Pladever, Fernando Malvar, remarcou que este informe é "unha ferramenta válida a ter en conta á hora de tomar decisións, polas importantes achegas que fai" desde o punto de vista técnico, social, económico e ambiental, para promover "unha boa xestión dos recursos hídricos".


Neste marco, a plataforma solicitou estas reunións para poder trasladar directamente as súas propostas para afrontar os problemas derivados da seca e así "evitar calquera tipo de solución apresurada e que quizais non sexa a máis adecuada", apuntou en referencia ao transvasamento do río Verdugo.


"Está acreditado que xa non é urxente tomar medidas excepcionais para abastecer a Vigo e aos concellos da contorna, e que urxe poñer en marcha medidas de concienciación e dos representantes públicos para un uso responsable dos recursos hídricos, serios e harmónicos co medio ambiente", concluíu.


relacionada Xunta e concello cúlpanse mutuamente de que a auga dun colexio de Vigo non sexa potable
relacionada Augas de Galicia mantén a alerta por seca e segue adiante co transvasamento
relacionada ​Caballero acusa a Feijóo de presentar análises falsas da auga

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress