​A atención primaria tampouco dá abasto, con todos os PACs de Vigo "masificados"

|

UrgenciasCunqueiroImaxe de arquivo dun colapso en urxencias no HAC.


A Federación de Sanidade de CCOO denunciou que o servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo se atopa en "situación de colapso", ao que se suma tamén "a masificación de todos os PACs" --Puntos de Atención Continuada-- da área sanitaria viguesa.


Así o trasladou nun comunicado, no que fixo especial fincapé á situación do PAC da rúa Pizarro, en Vigo, onde "esta fin de semana a demora na atención foi de tres e catro horas", cunha media de 350 pacientes atendidos ao día. "A situación é unha sala de espera abarrotada todo o día e o persoal traballando arreo", censurou.


"Se desbordadas están as urxencias hospitalarias, non menos o están as extrahospitalarias", insistiu, a colación do que denunciou "a pasividade" dos responsables sanitarios "ao non dar solución" a estes problemas. "Non deberían seguir nin un segundo máis dirixindo a sanidade galega", apostilou.


Neste sentido, o sindicato esixiu a presenza de polo menos un equipo máis de traballo todos os días, xa que os actuais son insuficientes, e fixo "un chamamento á responsabilidade na procura de solucións".


UN DE CADA CINCO PACIENTES, INGRESADO


A través dun comunicado, e tras as críticas dos sindicatos polo "colapso" dos servizos de atención, a EOXI defendeu que segue adoptando medidas como o reforzo das unidades, ou o aumento das camas hospitalarias (75 adicionais habilitadas no Meixoeiro e 50 no Álvaro Cunqueiro no últimos tres días).


Segundo aseguraron fontes sanitarias, reforzouse o persoal do servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro, así como do de Radiodiagnóstico, o de Medicina Interna e o servizo de Pneumología.


A EOXI explicou que, no que vai de ano 2018, o servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro atendeu a máis de 3.150 pacientes, dos que 631 requiriron de ingreso hospitalario. Nos últimos tres días, a frecuentación deste servizo superou os 400 pacientes, mentres que a media do ano pasado foi de 353.


Tratouse de pacientes con patoloxías respiratorias máis complexas, que necesitan máis tempo de atención e, en moitos casos, de ingreso hospitalario. En concreto, o pasado martes atendeuse a 402 persoas, das que 86 tiveron que ser ingresadas.


PAC REFORZADOS


Por outra banda, con respecto aos PAC, ante as críticas dos sindicatos polo colapso, a EOXI afirmou que "cando é necesario reforzar os equipos destes dispositivos, así se fai", e que "a xerencia planifica os recursos con criterios de eficiencia, atendendo a datos obxectivos da demanda e actividade".


Segundo sinalaron desde o Sergas, un 51 por cento dos pacientes que acudiron nos últimos días ás Urxencias do Álvaro Cunqueiro "presentaban patoloxías que estaban en disposición de ser resoltas nos PAC, con menor espera e idéntica resolutividade".


relacionada Agárdase que a situación de "completa anarquía" nos hospitais dure uns días máis
relacionada Vázquez Almuiña afirma que o colapso en sanidade non é “exclusivo de Galicia”
relacionada Técnicos de emerxencias tamén alertan do colapso que "mingua a calidade asistencial"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress