​Cada hábito saudable que sumamos afástanos do médico ao facernos maiores

A suma de varios hábitos saudables ao longo da vida reduce a necesidade de atención sanitaria a partir dos 60 anos.


|

Maiores exercicio

A suma de bos hábitos multiplica os beneficios.

As persoas maiores de 60 anos que combinan de 5 a 6 hábitos saudables utilizan menos os servizos sanitarios, reducindo o risco de usalos excesivamente a case a metade, segundo un estudo da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), publicado na revista científica American Journal of Preventive Medicine.


"Realizar un traballo coma este era potencialmente relevante a priori por varias razóns. Primeiro: a adherencia aos hábitos saudables nas persoas maiores é baixa. Segundo: mellores estados de saúde asociáronse a menores gastos sanitarios. E terceiro: intervir sobre varios hábitos saudables podería ser máis eficaz que sobre hábitos illados", afirmou o director do traballo e investigador do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da UAM, José Ramón Banegas.


O traballo, analizou, entre os anos 2008 e 2010, a 2.519 persoas maiores de 60 anos, en quen se estudou hábitos como: ser fisicamente activo, seguir unha dieta mediterránea, durmir 7-8 horas ao día, nunca fumar, estar sentado menos de 8 horas ao día e non vivir só.


O seguimento dos participantes mantívose ata 2013 co obxectivo de obter información sobre a utilización de servizos sanitarios. Os servizos polos que se lles preguntou foron polifarmacia (tomar máis de 5 medicamentos ao día), visitas frecuentes ao médico de atención primaria (1 vez ao mes ou máis), ou ao especialista (máis de 1 vez ao ano) e estar hospitalizado polo menos 1 vez no último ano. Todas elas, fóra das visitas ao especialista, sufriron unha redución significativa co aumento de hábitos saudables.


"Por cada hábito saudable adicional, diminuía un 18 por cento o risco de polifarmacia; un 13 por cento o risco de acudir frecuentemente á atención primaria, e un 15 por cento o risco de ser hospitalizado polo menos unha vez ao ano", sinalou Banegas.


Pola súa banda, outra das autoras do traballo, Ana Hernández-Aceituno, destacou que "noutros termos, comparados cos participantes que non cumprían ningún hábito saudable ou só un, aqueles que cumprían 5 ou 6 tiveron a metade de risco de polifarmacia, de visitas frecuentes á atención primaria e de hospitalización".


Para os autores, a importancia deste estudo radica en que a diminución das visitas de atención primaria e as hospitalizacións asociadas cun estilo de vida saudable podería conducir a unha mellor atención, debido á menor carga de traballo, listas de espera máis curtas e unha redución das complicacións que leva a hospitalización.


Na mesma liña, a información pode ter relevancia clínica e de saúde pública pola diminución dos crecentes gastos sanitarios asociados ao uso epidémico dos servizos sanitarios nas persoas maiores.


relacionada Nace unha 'app' para calcular o risco individual de pneumonía e poder prevela
relacionada Oito de cada dez galegos admiten ter feito algunha vez unha dieta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE