​Move a Xunta pacientes para preparar o peche dun centro de saúde de Vigo?

|

Consulta medica centro saúde


A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, rexistrou varias preguntas dirixidas á Consellería de Sanidade sobre o "traslado forzoso" de pacientes do centro de saúde de López Mora ao de Navia, en Vigo, e tamén sobre se a Xunta prevé o peche do primeiro.


Solla afirmou que "en pleno Nadal" se lles informou a algúns usuarios do centro de saúde de López Mora de que pasarían a ser atendidos en Navia, noutro centro de saúde a 6 quilómetros do primeiro, e onde xa trasladaran previamente a unha facultativa. "É unha situación moi grave que revela a falta de planificación da Xunta", apuntou a parlamentaria de En Marea.


Segundo sinalou, o pasado mes de decembro unha médica de López Mora foi trasladada a Navia, pero a cota de pacientes que agora se traslada a ese mesmo centro non se corresponde coa cota desta facultativa.


Por iso, En Marea preguntará a Sanidade por que foi desprazada esta profesional a Navia, en lugar de aumentar o cadro de persoal. Así mesmo, preguntará polo "cambio forzoso" de pacientes de López Mora e por se a Xunta prevé pechar este centro de saúde.


Segundo Eva Solla a ordenación das cotas nos distintos centros de saúde é "de xeito evidente caótica", unha situación empeorada pola redución de persoal. No caso da área de Vigo, denunciou, "a situación é especialmente problemática, sendo unha das zonas que conta con cotas máis elevadas de pacientes por profesional médico".


Ademais, na cidade olívica existe outro factor, como é o "incumprimento da Xunta en relación coa construción dun centro de saúde en Bouzas". "Con todo, tras as mobilizacións veciñais, as promesas da Xunta de retomar o proxecto fanse baixo a ameaza de retirar máis persoal doutros centros", lamentou.


relacionada O centro de saúde de Marín, seis meses de carencias e promesas incumpridas pola Xunta
relacionada A Seguridade Social nega a cesión dun ambulatorio "abandonado"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress