Técnicos de emerxencias tamén alertan do colapso que "mingua a calidade asistencial"

|

Ambulancia urxencias


A Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate) alerta de que a sobrecarga de servizos "mingua a calidade asistencial dos pacientes".


Nun comunicado de prensa, esta asociación sinala que, desde hai unhas semanas, "o persoal que atende as urxencias sanitarias extrahospitalarias sufriu un incremento considerable na carga de traballo" algo que, sostén, "vén sucedendo habitualmente, pero que nestas datas púxose en clara evidencia".


Así mesmo, indicou que "isto repercute no colapso dos hospitais galegos, xa que os recursos son limitados e non poden asumir a carga asistencial que é requirida".


"O colapso nas urxencias dos hospitais afecta directamente o desenvolvemento do traballo da estrutura sanitaria, pero principalmente aos técnicos en emerxencias sanitarias (TES) que, en moitos casos, están retidos nas instalacións sanitarias ata poder facilitar un lugar adecuado para que os pacientes reciban atención urxente, coa consecuente demora para poder realizar novas urxencias", explica a asociación.


Asgate tamén denuncia que "empeza a ser habitual, para cubrir as urxencias sanitarias, a mobilización de ambulancias por parte organismos non gobernamentais" e "mesmo ambulancias nas que só vai un técnico, conducindo, co que os pacientes van sós na cabina asistencial durante o traslado, facendo imposible atender as necesidades que lles poidan xurdir", concreta.


MANIFESTACIÓN O 4 DE FEBREIRO


A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública chamou á cidadanía galega a manifestarse o próximo 4 de febreiro para mostrar o seu rexeitamento á situación de "colapso e caos" que sofren os servizos de urxencias dos hospitais de Galicia, da que culpan aos "enormes recortes" levados a cabo pola Xunta no Sergas.


Segundo recolle un comunicado emitido este venres, o colectivo denuncia que esta situación "xa foi denunciada desde hai anos sen que desde o Sergas se poña ningunha medida correctora a pesar da súa reiteración anual, sobre todo no inverno".


Deste xeito, lembran que nos hospitais de Galicia "pecháronse 780 camas, elimináronse 1.795 prazas, 513 de persoal médico e 184 de enfermería". "A falta de camas impide hospitalizar os pacientes que se amontoan nas urxencias", apunta o colectivo.


Así mesmo, sinalan que estes episodios de "caos" tamén son derivados da "perda de capacidade resolutiva" da Atención Primaria, tamén consecuencia dos recortes, o que "empuxa aos pacientes para acudir ás urxencias hospitalarias".


relacionada Varios sindicatos denuncian o colapso sanitario de Urxencias en Galicia
relacionada ​Repróchanlle a Almuiña que o "colo de botella" no hospital de Vigo é a falta de camas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress