A oposición censura que Rande teña "a vía de servizo máis cara do mundo"

En Marea reclama deixar sen efecto a subida das peaxes porque os novos carrís "non poden ser considerados como autoestrada".


|

Rande ponte inauguracionImaxe da inauguración de Rande. Foto: xunta.gal


O deputado de En Marea, Marcos Cal, sinalou en rolda de prensa que os novos viarios abertos por Audasa como ampliación da Ponte de Rande "non poden ser considerados como parte da autoestrada" e por tanto, non xustifican o incremento do prezo das tarifas que acaba de realizar a empresa concesionaria.


Para En Marea a inauguración das dúas vías laterais da ponte, desconectadas do corpo principal de circulación, "non reúnen as condicións de seguridade, de capacidade de tráfico, nin de experiencia na condución que xustificarían que se chamase autoestrada". Cal definiu eses dous carrís como "a vía de servizo máis cara do mundo".


"A AUTOESTRADA SEGUE SENDO A MESMA"


O deputado sinalou que eses dous novos carrís "non están conectados ao resto da autoestrada e por tanto non se pode circular neles coma se fosen parte dunha autoestrada". "Non se pode adiantar, non ten comodidade de uso, nin ofrece unha circulación segura, tal e como están a asegurar nestes primeiros días os usuarios".


En Marea pedirá, por tanto, que se deixe sen efecto a subida das peaxes que Audasa realizou utilizando como escusa a realización das obras, tendo en conta que non se cumpre o obxectivo que se prevía nas obras de "amplíar a autoestrada AP-9 na ponte de Rande". Segundo Marcos Cal, a "ponte é máis grande agora, pero a autoestrada segue sendo a mesma".


"AUTOCOMPRACENCIA"


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou a Rajoy e a Feijóo de caer na "autocompracencia" e de estar "lonxe da realidade" polas súas palabras durante a inauguración da ampliación da AP-9. "Que lonxe están da realidade de moitas familias", lamentou.


En rolda de prensa, Leiceaga volveu reclamar "unha solución" para os usuarios fronte ao incremento previsto das peaxes desta autoestrada, e lembrou que a proposta dos socialistas galegos pasa por que sexa o Ministerio de Fomento o que "asuma" o custo de modo que se poida "evitar o traslado" aos cidadáns.


"ANA PASTOR ESTABA MOI SATISFEITA"


Sobre a polémica subida das peaxes da autoestrada AP-9, Leiceaga indicou que, do 3,8% previsto, un 25% --segundo os seus números-- é "imputable" a unha decisión do ano 2011. Así, criticou que o convenio coa concesionaria, Audasa, foi "ampliado" pola que era ministra de Fomento en 2012.


"E Ana Pastor estaba moi satisfeita onte", apuntou, en alusión á participación da actual presidenta do Congreso na posta en servizo da ampliación da capacidade da AP-9 na circunvalación da capital galega.


Neste punto, expuxo que "hoxe" as condicións están "máis saneadas" e permítenlle a Fomento "asumir" o custo e "evitar o traslado" aos usuarios, pero censurou que o PP "votou en contra" desta iniciativa no Pazo do Hórreo.


SOLUCIÓN Á TITULARIDADE


Tamén lamentou o veto ao debate da transferencia da titularidade da autoestrada na Cámara Baixa, e é por iso que avogou por "revisar o pacto" coa empresa, "negociar coa empresa unha solución satisfactoria para os usuarios".


Por último, acabou censurando o "escaso peso político de Feijóo en Madrid", precisamente, por ese "veto vergonzante" ao traspaso da autoestrada AP-9.


relacionada Rajoy continúa a súa xira de inauguracións na AP-9 entre berros de "estafa"
relacionada O BNG anuncia o inicio de “a batalla de Rande” pola xestión da AP-9
relacionada En Marea leva ante o Tribunal Constitucional o veto ao debate da trasferencia da AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE