Crise territorial ou crise sistémica?

Manoel Barbeitos
Economista


Rajoycatalunha


Hai que felicitar ás forzas políticas sistémicas –as dos artigos 135 e 155- e aos seus medios altofalantes afíns, que son maioría, e de rebote ao IBEX 35 que apadriña a todos eles, por conseguir agochar o que foi e segue sendo unha grande crise social tras un conflito territorial tamén relevante. Conflito que non se entendería se non se enmarca dentro dunha crise global sistémica que podemos sintetizar politicamente como unha crise do réxime do 78.


Felicitalas porque a estas alturas parecera que España, e con ela Catalunya e tamén Galiza, non coñeceran unha grande recesión económica que disparou o desemprego, a exclusión social e a desigualdade social e territorial. Unha recesión que tivo causas políticas: unhas durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial –as máis duras dentro da eurozona si deixamos a un lado o drama de Grecia- que transformaron o que fora unha crise financeira (2008) nunha grande recesión (2008-2015) aínda non resolta definitivamente.


Unha grande recesión que desembocou nunha crise sistémica cuxa máxima expresión social foi o 15M (2011), que dou visibilidade a unha grande indignación cidadán cos poderes establecidos e as políticas implantadas. Movemento social contestatario do que xurdiría PODEMOS (2014) organización política que veu a cuestionar oportunamente o bipartidismo sistémico (PP, PSOE) e a canalizar a voz dos indignados coa crise e co bipartidismo.


Unha situación de crise que posteriormente sería habilmente aproveitada polas forzas independentistas cataláns para, coa inestimable axuda do presidente do goberno español, un incompetente Mariano Rajoy incapaz incluso de saber en que ano vive, e a do seu corrupto partido (PP), abrir unha crise territorial e de estado. Unha crise territorial que hai que englobar dentro da crise social xa citada porque, como moi ben sinala o profesor Vicenç Navarro, os que provocaron esta crise territorial e de Estado son os mesmos que antes provocaran a crise social. Non debemos esquecer, de ningures que forzas independentistas cataláns veñen gobernando Catalunya dende fai varios lustros (A. Mas: 2010-2015, F. Puigdemont: 2016-2017) aplicando neste país os recortes de fondos públicos de benestar máis acentuados de España e as maiores privatizacións de servizos públicos o tempo que apoiaban tódalas medidas regresivas que aplicaban primeiro J.L. Zapatero (PSOE) e mais tarde M. Rajoy (PP), por caso os recortes nas pensións públicas, e que provocaron a grande recesión citada que impactou tamén en Catalunya onde a pobreza, a precariedade e a desigualdade acadaron niveis descoñecidos en décadas: hoxe o 40% dos cataláns viven peor que os seus pais. 


Políticas que nada tiveron que ver coa situación territorial nin con un incuestionable conflito de competencias. Na grande recesión que ven de atravesar España as forzas independentistas que recentemente gobernaron Catalunya (maiormente o PDdeCat -antes CiU- pero tamén ERC e incluso a CUP que apoiou o goberno de JxSi) tamén tiveron a súa grande responsabilidade.


En España hai un incuestionable conflito territorial sen resolver. Pero tamén hai unha grande crise social que ben se pode cualificar de crise sistémica. Unha crise sistémica que non se resolverá satisfactoriamente se non se resolven a crise social e a crise territorial. O problema é que quen poden resolver aquela non parecen quen de atender debidamente a segunda e que entre os que turran da crise territorial están, como dicía, son os que teñen a súa cota de responsabilidade na crise social.


Quen, de boa fe, pensa que a resolución (?) da crise territorial é a antesala da resolución da crise social equivócase totalmente como, por caso, ven de demostrar o resultado das últimas eleccións catalás onde, dato moi significativo, unha grande parte das clases traballadoras catalás votaron ás dereitas conversadoras, maiormente Ciudadanos. Partido que tivo un crecemento espectacular no cinto industrial de Barcelona, algo que non se entendería se non se ten en conta o anteriormente subliñado. Esta vez na zona máis poboada de Catalunya –Barcelona e a súa área metropolitana: Santa Coloma de Grámanet, L´Hospitalet de Llobregat, Cornellá, Sant Boi, con máis de 3 millóns de habitantes- Ciudadanos foi a opción política máis votada. Triunfou nun terreo que parecía era exclusivo das esquerdas catalás. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress