Conciliar para gañar

Manoel Barbeitos
Economista

FeijóoCaballero


Non debería Gonzalo Caballero (PSdG-PSOE) caer na groseira trampa que lle tende Núñez Feijoo ofrecéndolle “liderala oposición en Galicia”. Unha trampa que evidencia, unha vez máis, o limitado concepto da democracia que ten o actual Presidente da Xunta de Galicia como, en xeral, todo o seu partido (PP). Algo lóxico tendo en conta da súa orixe franquista. Deben ser os cidadáns quen decida o lugar que ocupa –goberno, oposición- cada partido e non os gobernantes. O contrario é nepotismo.


Non debeu G. C. caer nesa trampa porque as razóns que moven a Núñez Feijoo son meridianas: dividir á esquerda para así facer imposible o cambio e garantir a súa permanencia á fronte da Xunta de Galicia. Unha división que quere tamén trasladar ao interior do PSdeG-PSOE: parece evidente que moitos membros dese partido non aceptarían que G. Caballero faga súa a proposta de N. Feijoo.


Velaí una das tarefas prioritarias de G. C.: deberá procurar, en primeiro lugar, manter unido o seu partido que non parece quen de superar as continuas loitas internas. As evidencias están aí: cando aínda estaba moi recente a magnífica vitoria de G. C. na súa loita pola secretaria xeral, os chamados baróns xa deixaron moi claro –como lle pasou a P. Sánchez- que esa vitoria tiña un curto percorrido e, por tanto, un moi limitado alcance político –algo que se verá na elección de candidaturas as próximas eleccións municipais-.


Asemande G. C., do mesmo xeito que o resto da oposición galega, debería sacar as oportunas leccións do que está a pasar en Catalunya –lección que tamén deberían aprender os chamados independentistas: a única e real opción de avanzar nas súas posicións e en xeral, en posicións democráticas, pasa por descabalgar ao PP do goberno de Madrid á vez que impedir que sexa Cidadáns a alternativa-. Unha lección que trasladada a Galicia confirma, unha vez máis, que o única pero real opción que teñen as esquerdas -EN MAREA, PSdG-PSOE, BNG- de gañar o poder en Galicia depende da súa capacidade para conciliar posturas. Si son quen de facelo gañarán, se seguen divididas perderán.


Unha opción que supón un dobre reto: conciliación interna e unidade externa. Non debería ser tan difícil. Por caso, a nivel interno, tan difícil de entender resúltalles a moitos dirixentes das tres formacións que as loitas fratricidas – non son camaradas?- ademais de debilitar enormemente a imaxe externa destas organizacións, impide que se consoliden como reais alternativas? Non son quen de entender, de asumir, que a maioría social que precisan para gobernar nin entende, nin lle gustan, esas divisións internas? Realmente resultan imposibles de entender se non é en clave de intereses persoais e partidarios. Non, non haberá cambio do goberno en Galicia se antes non se resolven positivamente as liortas internas partidarias.


A nivel externo, tan difícil pode resultar que as tres formacións –EN MAREA, PSdeG e BNG- coincidan na súa oposición as daniñas políticas dos conservadores galegos (PP)? Tan difícil, por caso resulta sentar unhas mínimas bases de acordo en temas como emprego e salarios, benestar social e igualdade, corrupción política e democracia, infraestruturas e medio ambiente, financiamento autonómico e dereita a decidir –que está no programa máximo do PSdeG-, autonomía local e democracia social…?


O ano que se nos bota enriba, 2018, debería ser o ano do avance tanto na consolidación interna como na conciliación de posturas entre as esquerdas de Galicia. Pola contra seguiremos de derrota en derrota para delicia e goce dos conservadores galegos (PP e Cidadáns). 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress