O Centro Galego de Bos Aires pasa a mans privadas polo grupo Ribera Salud

A empresa arxentina compra a sede da asociación de 110 anos de historia por 42 millóns de euros.


|


Centro galego


Moito cambiou o mundo desde que en 1907 un grupo de galegos emigrados a Arxentina fixeron da morriña unha asociación con todas as letras para que fose un punto de encontro para todos os galegos que estaban lonxe do fogar. Agora, 110 anos despois, o Centro Galego de Bos Aires xa non pode sosterse só economicamente. Tras consultar cos seus socios, a entidade foi adxudicada ao mellor ofertante, o grupo Ribera Salud, que por 42 millóns de euros farase dono do histórico edificio da avenida Belgrano.


O grupo Ribera Salud, xunto coa Fundación Favaloro, farase cargo do centro sanitario da entidade, ademais da súa biblioteca e o seu auditorio. A caída en desgraza do Centro é a crónica dunha morte anunciada. Fai seis anos, a Xunta de Galicia abonou 11 millóns de euros para deixar de formar parte da entidade. Esta semana debateuse a posibilidade de crebar ou traspasar o centro a mans privadas. Agora, os aínda socios do Centro Galego de Bos Aires, recibirán a cobertura sanitaria por medio dunha mutua posta polo Goberno de España. A principal preocupación deses socios é se poderán gozar dos privilexios sanitarios dos que dispoñían. O Goberno de Macri facilita a entrada en investimento privado dentro da sanidade, o que beneficiou a entrada de capital privado na sanidade.


O outrora prestixioso Centro Galego bonaerense vive agora como moitos dos seus socios: sentindo o paso dos anos e vendo como o mundo xa non é como nos seus primeiros anos. Por iso tivo que pasar a mans privadas. Agora, os socios buscan que Ribera Salud proporcione os mesmos servizos que ata agora daba o centro. Con todo, “a casa”, como era coñecida a entidade e o edificio, é máis que un hospital para moitos galegos, senón patrimonio da cultura de Galicia. Polos seus corredores, ilustres personalidades da historia de Galicia como Castelao, pasearon estrañando o seu fogar e lamentando estar tan lonxe de Galicia. E como el, milleiros de emigrados ao país suramericano.


A gran dúbida agora é saber que vai pasar con toda a herdanza cultural que encerra o edificio. Os socios piden que se manteña en Arxentina baixo o amparo dos novos propietarios, mentres que a Xunta valora a súa posible compra e traslado a Galicia, algo a priori complicado pola lexislación arxentina. Os grupos parlamentarios que integran a oposición no Parlamento de Galicia xa manifestaron a súa inquietude sobre o futuro do tesouro cultural que agora agarda dono no Río da Prata. Bos Aires, a antigamente chamada ‘Quinta provincia’ polo pobo galego, xa fai moito que deixou de ser o punto de chegada de todos aqueles que buscaban un futuro mellor. A pesar diso, moitos agardan aínda unha solución non só para os que aínda están, senón pola memoria dos que xa se foron. 

relacionada O Centro Galego de Buenos Aires pasará a mans da empresa Ribera de Salud
relacionada O futuro do Centro Galego de Buenos Aires pasa polos seus socios

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE