Lectura sociopolítica, rápida e a contracorrente, das elección catalás

Manoel Barbeitos
Economista


Recuentovotosescrutiniocatalunya


Parece evidente que o resultado das recentísimas eleccións catalás (21 de decembro) van a dar moito xogo aos tertulianos e faladoiros. Haberá lecturas, xa empeza a habelas, para todos os gustos e cores. Vou a participar no xogo e a dar a miña impresión en clave sociopolítica. Unha avaliación que, de seguro, non coincidirá coa maioría.


1-A primeira lectura sociopolítica que se me ocorre é a de que as dereitas (C´s, JxCat, PP) gañaron en Catalunya (74 deputados, 52% dos votos). E que significado ten esta vitoria? Que seguirán as políticas de duro axuste fiscal e rebaixa salarial con un manto de corrupción. Que unha dereita ultraconservadora e ultracentralista como Ciudadanos gañe por primeira vez as eleccións en Catalunya debera facer pensar a moitos de dereitas e esquerdas.


2-A segunda é que aínda que os chamados partidos independentistas (JxCat, ERC, CUP) terán maioría no Parlamento catalán (70 deputados) non teñen a maioría social (47,5% dos votos). Razoablemente isto debera facer pensar aos representantes mais lúcidos destas forzas (moi especialmente a ERC) que o procés non pode ser a vía política a seguir de agora en diante, que hai que explorar novas vías. Moito mais si se ten en conta que o partido que goberna no estado español (PP) é un partido ultraconservador e reaccionario que non ten dúbidas (co apoio do PSOE e C´S) de empregar vías autoritarias (art. 155) pero legais para, incluso, anular a autonomía catalá.


3-A terceira, a mellor nova para o que escribe, é que o franquismo en Catalunya (PP) é marxinal (3 deputados 4,2% dos votos) e case extraparlamentario. Non estou seguro de que o incompetente de Mariano Rajoy e o seu equipo (PP) saquen esta lectura. Razoablemente as eleccións catalás deberan abrir a porta ás eleccións xerais en España, pero isto non vai suceder.


4-A cuarta é que o PSC (17 deputados e 13,88% dos votos) aínda que parece que freou a súa caída non se levanta aloxando así a Pedro Sánchez (PSOE) desa Moncloa que lle quita o sono. A ver que decisións toman, pero non hai que agardar grandes cambios. O aparato é o aparato.


5-A quinta, que os meus amigos de Comúns (8 deputados, 7,5% dos votos) deben abrir un período de reflexión. Castigados pola polarización que tanto a troica (PP, C´s, PSOE) e a súa corte mediatice por un lado como os independentistas por outra (JxCat, ERC, CUP), tamén co seu coro mediatice, provocaron que non foran quen de facer ouvir como quixeran a súas mais que razoables propostas. Difícil navegar en augas tan turbulentas. Haberá que agardar a ver que decisións toman: as primeiras declaracións postelectorais de X. Domenech son mais que razoables. A súa presenza en Catalunya, na miña opinión, é imprescindible.


6-En relación a CUP e a súa República catalá, que dicir? 4 deputados e 4,5% dos votos. Ao igual que o PP son unha forza marxinal que tanto JxCat como ERC tentarán de utilizar no seu beneficio.


7-O panorama político segue complicado e o inmediato futuro resulta imprevisible dados os contendentes. Si por unha parte a vía do 155 debera quedar enterrada non hai seguridade algunha de que isto suceda e de que o goberno de Mariano Rajoy (PP) o faga, moito menos tendo a un Ciudadanos crecido e un PSOE desorientado. Pola outra as forzas independentistas maioritarias (JxCat e ERC) deberan explorar novas vías políticas, distintas do procés, para poder avanzar nas súas xustas reivindicacións de maior autonomía e maiores competencias e, tamén, de celebrar un referendo. Unha vía que lle permitiría maiores e importantes apoios en Catalunya (Comúns) e en España (Unidos Podemos) e que situaría ao PSOE nunha difícil encrucillada e nun difícil xustificar o apoio ao 155.


8- Finalmente, estas eleccións deberan abrir a porta a que no resto do Estado, incluso en Catalunya, se empece a falar, debater e consensuar sobre os problemas que realmente afectan a maioría da poboación: paro, desigualdade, deterioro dos servizos públicos, vivenda, medio ambiente….. Pero non teño ningunha certeza de que iso vaia a suceder. Un xa está farto de que a todas horas a maioría dos medios de comunicación e opinión e a maioría dos partidos políticos nos bombardeen co “problema catalán”.


Coma sempre, o tempo será xuíz e testemuña.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress