​Ana Pontón: "As peaxes non son ruído, senón un serio problema para moitas familias"

|

Ap9 autoestradaO Goberno central rexeita bonificar peaxes.


A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, reclamou este xoves en Ferrol a nacionalización da AP-9 a través da compra de accións, que supoñería un gasto de 1.000 millóns de euros fronte aos 4.000 estimados para a súa transferencia.


"Non pode ser que a única vía de comunicación de norte a sur do noso país sexa por peaxe", censurou a deputada, quen considerou que "sería bo para a vertebración de Galicia"


Yolanda Díaz criticou tamén a actitude de Feijóo, asegurando non entender que poida "aguantar esta tomadura de pelo" do Goberno central. Así mesmo, remarcou que a norma que regula as autoestradas en España é do ano 1972 e anunciou que En Marea ten preparada unha iniciativa parlamentaria para que as concesións que finalizan o próximo ano non se volvan adxudicar.


PRESIÓN POLÍTICA CONTRA AS PEAXES


O Bloque Nacionalista Galego impulsará unha asemblea en Pontevedra con cargos públicos do Parlamento, das deputacións e dos concellos do Eixo Atlántico para incrementar a presión contra a subida das peaxes na AP-9, que ve "un auténtico abuso".


Así o anunciou este xoves nunha rolda de prensa a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, que explicou que a súa formación trasladou tanto ao portavoz de En Marea, Luís Villares, como ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a invitación para participar neste encontro que prevé celebrar o día 27 en Pontevedra.


"Queremos sumar forzas para frear este novo abuso contra os galegos", manifestou Pontón, que asegura que o obxectivo desta asemblea é "mandarlle a mensaxe clara ao PP" de que "Galicia non está para seguir engordando os beneficios de Audasa". Reivindicarán que a concesionaria ou o Estado asuman o custo das obras de ampliación.


"Audasa obtivo un beneficio de 45 millóns, a nova subida das peaxes supón cinco millóns máis á conta do peto dos usuarios, é tan sinxelo como que en lugar de 45 sexan 40 millóns de beneficios". "Non creo que ninguén na dirección da concesionaria quede sen comer o turrón por iso", indicou.


"ARTIGO DE LUXO"


Tras iso, informou de que remitiu unha carta ao presidente do Grupo Itínere, Pedro Pérez, en relación ás súas declaracións nas que cualificou de "ruído" as protestas por estes incrementos e polos accidentes laborais na Ponte de Rande.


"As críticas aos peaxes non son ruído senón un serio problema para as modestas economías de moitas familias, dos traballadores, un imposto á circulación que converte a AP-9 nun artigo de luxo para a maioría e un lastre para a competitividade das pequenas e medianas empresas", indicou.


"NADA QUE VER" COA AMPLIACIÓN


O presidente da Xunta, pola súa banda, puntualizou que as obras que, segundo ratificou o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, quedarán pendentes para "un ou dous meses" en Rande, na AP-9, "non teñen nada que ver coa obra nova", senón que se efectuarán para a "conservación do taboleiro actual".


Feijóo respondeu así preguntado polo feito de que Audasa poida empezar a cobrar a subida da peaxe do 3,81% ao longo de 2018, aínda que o convenio estipula que debe ser ao ano seguinte de que acabe a ampliación.


PEAXE EN REDONDELA


Feijóo tamén insistiu na súa petición de que as obras de ampliación da AP-9 non se volvan facer con cargo a peaxes, senón a orzamentos do Estado, en alusión á ligazón orbital de Santiago, así como á mellora da entrada da autoestrada nas cidades da Coruña e Vigo.


Con todo, si considera "lóxico" que, se finalmente se consegue a bonificación parcial ou total da peaxe de Rande entre Redondela e Vigo, "se repercuta" nas tarifas na súa totalidade. O ministro, que se abriu a "estudar" esta bonificación se a Xunta formaliza unha proposta, contemplou a subida tarifaria temporal como única opción, ao obviar a posibilidade de que o Goberno o asuma do orzamento.


relacionada As peaxes da AP-9 subirán en dúas metades e non de golpe desde o 1 de xaneiro
relacionada ​Galicia quere cobrarlle a Audasa a subida das peaxes eliminando os seus "privilexios" co IBI
relacionada ​A AP-9 sobe as peaxes case un 4% e Fomento descarga culpas na "herdanza recibida"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress