​As dependencias municipais teñen concentracións elevadas de radón

|

Ourense comun radonEsixen que o problema sexa "prioridade número uno". Foto: Ourense en Común


Ourense en Común esíxelle ao goberno de Ourense que recoloque o persoal municipal que actualmente traballa no soto da casa consistorial, ao comprobar a acumulación de gas radón.


O voceiro da formación, Martiño Xosé Vázquez, explicou este martes que, ante as negativas do goberno local a revelarlles as medicións do gas nas dependencias municipais, contrataron unha medición pola súa conta ao Laboratorio de Gas Radón de Galicia.


Os valores achados superan en "máis do dobre" o límite establecido pola Organización Mundial da Saúde para este gas cuxa exposición prolongada está vinculada con cancro de pulmón.


Radon ourense

E é que os valores medios no soto son de 941 becqurelios, cando o límite seguro se sitúa entre os 300 e os 400. Pero, ademais, Ourense en Común alerta de picos de ata 2.000 becquerelios.


Ante esta situación, Ourense en Común solicita na xunta de área ao concelleiro responsable "o traslado urxente de todos os traballadores municipais instalados no soto" e o resto de medicións tomadas nas dependencias municipais. "Temos sospeitas de que estas medicións se van repetir noutras dependencias", aseguran.


Así, ademais da recolocación dos traballadores, entre os que se atopa algunha muller en xestación, a formación esixe medidas para reducir a concentración de radón, un gas que se atopa no subsolo granítico na comunidade.


"Unha vez que os datos están encima da mesa e son certos e ben tomados, debería pasar ao número un das prioridades da alcaldía", reprochan.


Desde o Laboratorio indican que as solucións máis inmediatas pasan por mellorar a ventilación dos espazos, ademais de acometer unha reforma no soto para impermeabilizar o chan ao gas.


"NINGÚN RISCO"


O concello, con todo, asegura nun comunicado que as condicións do edificio "non entrañan ningún risco nin para os traballadores nin para a cidadanía", a pesar de que recoñece que se detectaron de forma preliminar concentracións elevadas de radón en catro dos edificios municipais analizados.


O goberno local remítese a un estudo realizado polo Laboratorio de Medición e Mitigación do Radón do Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago e pola empresa INTERA. Estas análises lévanse facendo desde o mes de abril.


O executivo sostén que os resultados das medicións e as análises específicas os recibirán a finais da semana que vén, acompañados de medidas correctoras. Pero subliña que, se as estancias están ben ventiladas, o radón non ten "un efecto inmediato na saúde dos traballadores".


relacionada A USC participa nun desenvolvemento para controlar o radón de forma automática
relacionada A USC fará medicións de concentración de gas radón en edificios municipais da Coruña

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress