Orzamento e persoal sanitario. Nada novo baixo o sol

Eva Solla
Vicepresidenta do Parlamento

Vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea. Enfermeira nas listas de contratación do SERGAS. Cursou os seus estudos na universidade pública. Desde pequena tivo inquedanzas políticas aínda que comezou a súa militancia hai case unha década nas filas de Esquerda Unida. Actualmente é Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. Desde 2014 é a secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia.

Sanitariosbatas


O pasado día 20 de novembro a maioría parlamentar do Partido popular rexeitaba no Pleno do parlamento da Cámara o conxunto das emendas á totalidade presentadas por todos os grupos da oposición. A apisonadora anual. Nada novo baixo o sol.


Esta práctica que se reproduce cada ano dende que o PP ten maioría absoluta obedece a un total desprezo polo traballo e propostas da oposición. Poderiamos pensar que dado que as emendas á totalidade fan referencia a aquelas nas que se altera a débeda ou propomos máis ingresos vía fiscal, o partido do Goberno simplemente está en desacordo coa nosa proposta económica.


Iso permitiría que sendo as emendas parciais emendas que non alteran o estado de ingresos, aí si a maioría podería aceptar propostas da oposición.


Nada máis lonxe da realidade. O debate final rematou o 19 de decembro e aconteceu o agardable: a apisonadora pasou tamén por enriba das emendas parciais sen practicamente discutilas.


Esta circunstancia soborda a característica de ausencia de democracia. Vai máis alá en casos como o da Consellería de Sanidade onde as contas non cadran, coma xa denunciamos dende En Marea este mesmo verán.


A Consellería de Sanidade volveu poñer en práctica neste ano un exercicio de soberbia descomunal repetindo case os mesmos orzamentos, obviando que o Consello de Contas advirte cada ano que "se recorre de forma periódica a xerar gasto que excede as consignacións orzamentarias".


É dicir, a pesar de que as partidas de persoal sanitario son insuficientes cada ano e obrigan a incrementar crédito para as contratacións de eventuais.


Cabe deterse lembrar outro aspecto que denunciamos en agosto a tenor do informe do Consello de Contas: a precarización do persoal vai en aumento. O texto o traslada así: "Obsérvase unha diminución interanual de 638 efectivos medios de persoal propietario e un incremento de 458 interinos" e fixa a temporalidade no 23,8% na atención primaria e un 34,5% na especializada. Un auténtico despropósito.


Se a isto sumamos os centos de prazas públicas amortizadas nos últimos catro anos, a necesidade de novos postos de traballo fixos na sanidade pública multiplícase enormemente.


No debate orzamentario do pasado día 20 o señor Valeriano Martínez, Conselleiro de Economía, anunciaba unha suposta chuvia de prazas públicas na administración autonómica. Prazas que na súa maioría xa foran anunciadas previamente e que no caso da sanidade, parece roldarían as 1.600.


Pero, analicemos polo miúdo ese dato. A contía de persoal que se xubila no vindeiro ano na sanidade pública supera as 800 persoas. Quédannos xa a metade das prazas ofertadas. Se temos en conta que tras a sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza que condena a concatenación de contratos do persoal interino e a elevada cobertura de prazas con persoal non fixo a Xunta ten que sacar esas prazas na oferta, a realidade é que a practica totalidade das prazas suple postos de traballo xa existentes. Polo que podemos ter claro que non se van crear novas prazas públicas na sanidade que suplan o recortado nos anos de crise.


Pero ademais, todo isto queda patente precisamente nos propios orzamentos. Se acudimos ás partidas de persoal funcionario na sanidade (non o laboral) que se corresponde co persoal sanitario, neste 2018 a partida para os sanitarios e sanitarias en atención especializada somentes se incrementa un 3,18%. Tendo en conta que o IPC ten unha media interanual do 2,3%, non existe nin suba salarial patente nin incremento para novo persoal.


No caso da atención primaria o dato é peor. Tras un orzamento no que se devolveron parte das pagas extra retiradas anos anteriores, este ano a partida adicada aos salarios do persoal funcionario en atención primaria sofre un lixeiro descenso do 0,34%. Se temos en conta o dato anterior do IPC, parece que non só non haberá incremento de persoal, se non que de xeito preocupante se pode prever unha escasa ou ausente estabilización do emprego.


En resumo, o orzamento sanitario en materia de persoal público evidencia, por unha banda, que a Xunta non pensa repor ningunha praza das amortizadas nos anos de crise e por outra parte que avanza o adelgazamento da atención primaria. Se ademais atendemos ás contías e tendo en conta que de celebrarse a OPE no vindeiro 2018 aínda habería que agardar para que o persoal se incorporase, podemos prever unha nova “chapuza” orzamentaria na que o Goberno teña que modificar o crédito para realizar contratacións eventuais coma en anos anteriores.


Nada novo baixo o sol para o persoal sanitario público.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE