​A ampliación do Museo do Pobo Galego levará máis de dous anos

É a obra de maior calado das aprobadas polo Consorcio de Santiago.


|

Museo pobo galego consorcioParte do Consello de Adminstración visitou o Museo. Foto: Concello de Santiago


O Consorcio de Santiago destinará máis de 2 millóns de euros a ampliar nos próximos anos o Museo do Pobo Galego, a obra de maior calado do ente que este luns celebrou a súa Comisión Executiva e Consello de Administración.


En concreto, en 2018 está prevista a culminación da redacción do proxecto, a súa tramitación e licitación, xunto á primeira fase da obra, cun investimento de 56.624 euros. As obras de adecuación da á sur do convento de San Domingos de Bonaval prolongaranse máis de dous anos.


Esta ampliación, por unha superficie estimada de 800 metros cadrados, esixirá, como informou o concello, "unha musealización de novos produtos expositivos que recolla, cando menos, a recente historia de Galicia e que estea á altura do Museo que a albergará".


Entre os temas abordados na orde do día da reunión, presidida polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, aprobáronse os orzamentos para o próximo ano, que ascenden a 9.090.277 euros. A Administración xeral do Estado achega 4,5 millóns, a Xunta 2,6 e o concello 1,4.


VIVENDAS, COMERCIOS E IGREXAS


En concreto, o Consorcio investirá 2.010.529 euros no seu Programa de Recuperación Urbana. Manteranse as tres liñas de axudas vixentes, dotadas en total con 450.000 euros. Por unha banda, a dedicada á mellora de edificacións de titularidade privada, incidindo na optimización da eficiencia enerxética das vivendas.


Ademais, realizarase a terceira convocatoria de axudas para a mellora de locais comerciais e continúa tamén a liña de axudas para o mantemento de envolventes exteriores dos edificios. Doutra banda, para o mantemento dos pavimentos da cidade histórica destinaranse 172.000 euros.


As intervencións no patrimonio histórico-artístico da cidade representarán un total de 568.133 euros. Así, prevé actuar en distintas capelas e igrexas.


OUTRAS ACTUACIÓNS


Para o seu Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, o Consorcio destinará un total de 460.222 euros. Este programa inclúe, entre outras cuestións, a coedición de publicacións vinculadas á cidade, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido.


Ademais, promoverá estudos especiais, en particular un Plan Director de Infraestruturas, que permitirá tomar decisións en relación ao proceso de mellora de infraestruturas no centro histórico.


Por outra banda, no marco do seu Programa de Dinamización Turístico-Cultural, o organismo interadministrativo destinará un total de 5,5 millóns, o que inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia (4,2 millóns) e a Escola de Altos Estudos Musicais (418.486 euros).


O Consorcio tamén colaborará con diferentes entidades da cidade, para promover os lumes do Apóstolo ou o festival Cineuropa, entre outros eventos. Ademais, tamén financiará o custo do cambio de denominación do aeroporto de Lavacolla, que pasará a chamarse Santiago-Rosalía de Castro.


relacionada Dez días de "fin de festa" para celebrar o XL aniversario do Museo do Pobo Galego
relacionada O Museo do Pobo Galego acollerá unha exposición sobre os "artesáns do ferro"
relacionada PSdeG e BNG confirman que non votarán en contra dos orzamentos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE