O novo financiamento autonómico compensará o envellecemento e a dispersión

|

Irene garridoIrene Garrido lembra que a tarefa é tamén das comunidades.


A secretaria de Estado de Economía, Irene Garrido, recoñeceu que o novo modelo de financiamento autonómico debe ter en conta as especificidades de cada unha das comunidades autónomas representadas, e considerou que as quitas e condonacións "non serían máis que parches e, sobre todo, inxusto".


En relación con iso, durante o almorzo de Nueva Economía Fórum que protagonizou este luns en Vigo, a tamén deputada por Pontevedra, que coincidiu desta maneira coas reivindicacións do Goberno da Xunta, remarcou que o novo sistema de financiamento debe "ter en conta factores" como a dispersión da poboación e o grao de envellecemento.


En todo caso remarcou que elaborar o novo modelo non é unha tarefa só do Goberno, senón de todos os grupos políticos, e dirixiuse concretamente ao PSOE, debido a que "goberna en sete comunidades autónomas e terá moito que dicir". "Temos que poñer todos da nosa parte para chegar a un modelo de consenso", rematou.


O presidente da Xunta indicou que espera que o modelo galego sexa "recoñecido e non penalizado no futuro sistema de financiamento".


Neste contexto, Feijóo incidiu na importancia de "políticas serias feitas por políticos serios, que non confundan a xestión con meros xestos teatrais que impiden aceptar a realidade, ser flexible e buscar acordos necesarios".


"INCENTIVOS PERVERSOS"


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou este luns a "actitude silente" do presidente da Xunta ante a evolución dun modelo de financiamento "distorsionado" polos préstamos do Goberno ás comunidades e "clara e abertamente discriminatorio para Galicia".


Baseado nun estudo asinado polo director executivo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), membro da comisión de expertos de financiamento autonómico e asesor de Facenda, Ángel de la Fuente, advertiu que Galicia pasou de percibir 2.300 euros por habitante e ano co modelo de financiamento de 2009, "por encima dos 2.195 da media", a situarse "por baixo da media" tras aplicar os mecanismos de financiamento extraordinarios. Con este sistema, sinalou que Galicia "apenas recibe un euro por habitante e ano fronte aos 141 de Valencia.


Nesta conxuntura, resaltou que este sistema resulta "claramente discriminatorio a favor de quen incumpre as normas". "Sería coma se en casa premiamos os fillos que se portan mal e castigamos os que se portan ben, unha situación difícil de xestionar", reflexionou, antes de concretar que os "incentivos perversos" do Goberno supuxeron, entre 2012 e 2016, préstamos por 53.000 millóns para Cataluña e "só 3.000 para Galicia".


As subvencións indirectas, segundo o socialista, "seguen a mesma liña, con 5.300 millóns para Cataluña, 4.000 para Valencia ou 1.200 para Castela A Mancha e, apenas 29 para Galicia". Así, concluíu que Feijóo debe responder ante un sistema que "penaliza" ás comunidades "cumpridoras", consolida "incentivos equivocados" e provoca "un risco moral moi alto".


relacionada ​O PSdeG avisa de que "Galicia non pode perder" co novo financiamento autonómico
relacionada Galicia teme máis agravios económicos coa reforma do financiamento autonómico
relacionada ​Feijóo rexeita estender o modelo vasco de financiamento porque "quedamos sen Estado"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress