Científicos e expertos reclaman unha convención de Nacións Unidas pola auga

|

AquaePapersPresentación de 'AquaePapers 7'. Foto: Viaqua


Os retos da auga son retos mundiais e para a humanidade. Por iso, a publicación AquaePapers 7: El agua y los retos del siglo XXI --que difunde o coñecemento xerado por investigadores e expertos nesta materia-- reclama ás Nacións Unidas unha conveción pola auga.


E é que esta publicación, de carácter científico, lembra que a auga é un elemento transversal tanto para os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) para 2030 como para as metas establecidas para loitar contra o cambio climático.


O novo número da publicación que achega as claves do mundo da auga foi presentado pola fundación de Viaqua, Fundación Aquae, no Colexio de Economistas de Madrid (CEMAD). Neste número, Albert Martínez Lacambra, Director Xeral de Agbar e profesor da Facultade de Económicas da Universidade Autónoma de Barcelona, debulla os actuais retos da auga, marcados pola escaseza hídrica, a presión demográfica e o cambio climático.


A presentación deste informe, realizado en colaboración coa Universidade de Educación a Distancia (UNED) e o Colexio de Economistas de Madrid, correu a cargo do seu autor; de Amelia Pérez Zabaleta, directora da Cátedra de Economía da auga Fundación Aquae-UNED e vicedecana do CEMAD; e de Pascual Fernández Martínez, decano presidente do CEMAD.


Auga mozambique


ESCASEZA DE AUGA E CONTAMINACIÓN


Segundo o informe, 1.200 millóns de persoas habitan actualmente en zonas con escaseza hídrica. Ademais, o 80% das augas que retornan ao medio vértese contaminada, polo que máis de 1.800 millóns de persoas -25% da poboación mundial- acceden a fontes de auga con bacterias fecais.


Estas augas contaminadas, xunto coa sobreexplotación dos acuíferos, poñen en risco as fontes de abastecemento de auga subterránea (que supoñen o 50% da auga para o consumo humano e o 43% da auga para a agricultura). Por iso, Martínez Lacambra destaca nesta publicación que "dispoñer de infraestruturas de saneamento no século XXI é unha necesidade ineludible".


REGADÍO


AquaePapers 7 lémbranos que a auga e a terra son bens escasos, xa que a superficie de cultivo non pode crecer exponencialmente á conta de deforestar o planeta, por tanto, "precísase envorcar toda a tecnoloxía na agricultura, así como racionalizar o uso da auga". "Os sistemas de rega deben estar modernizados", reclaman.


E é un problema tamén nos países desenvolvidos. En España, o 27% das hectáreas de regadío (978.000 hectáreas) dispón dun sistema de rega non modernizada que consome un 40%-50% máis de auga. Esa cantidade de auga de máis serviría para regar un 10% máis da superficie actual (400.000-500.000 hectáreas adicionais).


Auga desenvolvemento


PRESIÓN DEMOGRÁFICA


Ademais, a publicación alerta de que o aumento da poboación mundial (ata os 9.700 millóns de habitantes en 2050 e os 11.200 en 2020) producirase sobre todo nas zonas con maior vulnerabilidade hídrica e concentraráse en áreas urbanas.


Esta suma, como explica AquaePapers 7, require do desenvolvemento de "infraestruturas de urbanización, vialidade, transporte público e tratamento de residuos". O autor fai fincapé na importancia de dispoñer de infraestruturas comprendidas no "ciclo integral da auga, de maneira que haxa garantía de abastecemento, un adecuado sistema de saneamento, os sistemas pluviais para evitar inundacións e potenciar a reutilización".


relacionada Novo capítulo de 'On Fologüers' dedicado ao Día Mundial do Saneamento
relacionada Santiago Roncagliolo: "É posible salvar vidas coidando o medio ambiente e cun custo mínimo"
relacionada A Fundación Aquae apadriña a monográfico 'Tierra', da revista Granta en Español

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress