​Caballero acusa a Feijóo de presentar análises falsas da auga

O alcalde de Vigo denuncia as "calumnias" e reclama á Xunta que constrúa unha potabilizadora, que é un servizo "supramunicipal".


|

Abel cabaleiro


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores as "calumnias" e "difamacións gravísimas" que, ao seu xuízo, realizou o presidente da Xunta, ao que acusou de "pasear por las teles de España" cuestionando a potabilidade da auga na cidade, e tomando como referencia unhas análises realizadas por técnicos de Sanidade, "que logo se demostrou que eran falsos".


Así o sinalou o rexedor olívico nunha rolda de prensa na que afirmou que a Xunta "tivo que recoñecer que non eran válidas as súas analíticas, e que as válidas eran as de Aqualia".


Abel Caballero proclamou de forma reiterada que a auga da traída en Vigo é "cento por cento potable", que cumpre "todos os parámetros" esixibles, e que así foi durante todo o ano, e sinalou que as discrepancias entre o laboratorio de Aqualia e o Laboratorio de Saúde Pública debéronse a que as análises do organismo público "estaban mal".


A ese respecto, o rexedor responsabilizou a Feijóo de "meter presión" para dar por definitivas unhas análises provisionais "que logo se demostrou que eran falsas", e advertiu de que, tanto as roldas de prensa do presidente galego como as do seu "comisario político", Ignacio López-Chaves, foron "o maior atentado contra a cidade", ao tentar "danar a imaxe" de Vigo con "mentiras".


CARTA A FEIJÓO


Por outra banda, o alcalde de Vigo avanzou que remitirá unha carta a Feijóo para exporlle, por unha banda, que a construción da captación de emerxencia no río Verdugo é "imprescindible".


Así mesmo, pediralle unha reunión entre técnicos da Xunta e do Concello para empezar a estudar "a solución definitiva" ao abastecemento de Vigo e a súa área, para evitar que se repitan situacións como as vividas coa seca deste ano.


Caballero tamén adiantou que pedirá ao presidente galego que sexa a Administración autonómica a que asuma a mellora da potabilización, coa construción dunha nova planta, debido a que se trata dun servizo "supramunicipal" e que, ademais, "xa se prevía" no plan de abastecemento da Xunta do ano 2013.


"NUNCA TEN A CULPA DE NADA"


En cambio, o vicepresidente, Alfonso Rueda, instou ao alcalde de Vigo a asumir a súa competencia en materia de potabilización da auga da traída, así como sobre a estación de tratamento do Casal, de titularidade municipal, en lugar de pedir "que os demais solucionen o problema".


O vicepresidente criticou que o alcalde, "como sempre, di que a culpa e a responsabilidade é dos demais, el nunca ten a culpa de nada", aínda que "sabe que a competencia da potabilización das augas é de Vigo e, ata agora, non houbo dúbida".


Alfonso Rueda instou a Caballero a "que o arranxe" e sinalou que, por suposto, contará coa "colaboración da Xunta", aínda que non aclarou en que pode sustanciarse esa colaboración.


AUGA EMBOTELLADA


O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este mércores que os vigueses están "a pagar a prezo de ouro" unha auga de "mala calidade" e acusou ao alcalde, Abel Caballero, de tentar "dar carpetazo" a esta cuestión escudándose en que a auga é potable e cuestionando os informes dos técnicos da Xunta.


Así o manifestou a portavoz do grupo, Elena Muñoz, con motivo dunha reunión mantida con responsables da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo.


Por outra banda, a portavoz do grupo municipal do PP sinalou que a venda de auga embotellada se triplicou nos supermercados da cidade, "porque os vigueses teñen medo de beber auga da billa".


Pola súa banda, a presidenta da Federación Veciñal, María Pérez, coincidiu en sinalar que "non é serio" defender que a auga da cidade é potable "ao cento por cento", como asegura o alcalde, e "que, ao abrir a billa, saia amarela".


USO RESPONSABLE


Pola súa banda, o director de Augas de Galicia referiuse á calidade da auga para o consumo humano no municipio de Vigo, respecto da cal asegurou que "a auga é apta para o consumo". "Non hai nada que desaconselle que esa auga se poida beber", sinalou.


Roberto Rodríguez agregou que se el fose veciño de Vigo o que si pensaría é se o seu concello ten "unha estrutura tarifaria que promove o uso responsable" ou se debe "facerlle ou non caso ás demandas da súa propia concesionaria" para facer "investimentos que permitan que a auga de Vigo ademais de potable sexa de maior calidade". "Esas serían as preguntas que faría", concluíu.


relacionada A auga da contorna de Vigo é potable, pero "de moi baixa calidade"
relacionada A Xunta detecta ferro na auga do barrio de Canido
relacionada Feijóo reclama análises da auga que a Xunta xa recibe "cada catro horas"
relacionada As protestas polo bombeo no río Verdugo chegan a Soutomaior

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE