Os recortes de cotas pesqueiras castigan o xurelo do sur de Fisterra

|

Pequeros barcosO resultado é desigual para as especies máis importantes.


Galicia tentará paliar o recorte do 24% das posibilidades de pesca de xurelo na zona que vai de Fisterra cara ao sur con maiores posibilidades de transvasamento entre esta área (a IXa) e a do Cantábrico (a VIIIc), que, pola contra, incrementou as súas capturas nun 21% na repartición que acordaron este mércores os ministros de Pesca da Unión Europea tras case 22 horas de negociación.


Así o avanzou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, en declaracións aos medios de comunicación ao termo do consello de ministros. A responsable de pesca da Xunta acudía xunto á ministra do ramo, Isabel García Tejerina, en representación das comunidades autónomas.


Quintana admitiu que os responsables galegos están "un pouco frustrados, relativamente", polo resultado no caso do xurelo na zona IXa, de Fisterra cara ao golfo de Cádiz, por non poder superar a diminución que propoñía a Comisión Europea.


Con todo, cualificou de "satisfactorio en liñas xerais" o resultado da distribución de posibilidades de pesca para 2018, tendo en conta que se partía dunhas "condicións horribles".


PESCADA


No caso da pescada no caladoiro do Cantábrico, cuxa redución se logrou baixar do 30% ao 12%, a conselleira valorouno como "importante", pero admitiu que "agora" toca "procurar todos facer unha boa xestión dos recursos".


A este respecto, adiantou tamén conversacións xa co presidente da federación nacional de confrarías para "tentar facer unha xestión trimestral" e así "poder ir axustando mellor o esforzo pesqueiro ás posibilidades" existentes.


No relativo ao Gran Sol, a diminución das opcións de capturar pescada tamén pasou dun 30% a un 7% despois das negociacións. "Creo que a (frota) de Gran Sol queda moi ben", resaltou a conselleira.


RAIA E XURELO


No caso da frota de artes menores, ademais do intento de mellora na xestión da pescada do Cantábrico, a titular de Mar sinalou o incremento do 15% nas posibilidades de pescar raia, "especie moi importante" para os buques artesanais, "unha pesqueira moi apetecible".


Con todo, para este segmento tamén se presenta a caída do xurelo nos caladoiros do sur, aspecto para o que a dirixente autonómica recalcou que existe o "compromiso da ministra e todo o seu equipo" para "tentar equilibrar esa deficiencia" cos intercambios que se fan a partir de xaneiro.


En concreto, a Xunta buscará que o ICES (o Consello Internacional para a Exploración Do Mar) avalíe a opción de incrementar a flexibilidade --termo técnico co que se denomina aos transvasamentos de posibilidades de pesca-- entre as zonas.


SARDIÑA, EN XANEIRO


Por outra banda, lembrou que España e Portugal presentaron un plan de xestión para a sardiña e que "en principio" teñen "boas expectativas", pero non hai "nada pechado ata xaneiro", cando a Comisión Europea o avaliará e fará observacións "se é preciso" ou "lle dará para adiante".


"España traía moitas especies abertas e cunhas propostas moi fortes de baixada para especies que son moi interesantes para toda a nosa frota", apuntou Rosa Quintana.


Nun escenario no que o comisario de Pesca tiña "un especial interese" en que todas as especies estivesen xa no 'rendemento máximo sustentable' en 2018, a conselleira reivindicou estar "a acreditar" que a frota española e a galega son "capaces de manter" a explotación no marco deste obxectivo, respectando o impacto social e económico que ten a actividade.



relacionada A última proposta sobre cotas de pesca antóllase "insuficiente" para Galicia
relacionada A sardiña queda fóra das negociacións europeas das cotas pesqueiras

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress