​A AP-9 sobe as peaxes case un 4% e Fomento descarga culpas na "herdanza recibida"

|

Peajeautopista


A concesionaria da autoestrada AP-9 confirmou a subida do 3,81 por cento nos peaxes deste viario a partir de xaneiro de 2018, mentres que o Ministerio de Fomento xustificou o incremento remitíndose a convenios asinados con anterioridade e que agora "hai que cumprir".


Fontes da empresa confirmaron a Europa Press que a peaxe na AP-9 se incrementa sumando varias porcentaxes: o 1 por cento recollido no convenio de 2011 para recuperar o investimento das obras de ampliación da autoestrada (en Santiago e en Rande); un 0,9 por cento adicional para "compensar" a bonificación establecida en 2013 aos viaxeiros entre Vigo e Pontevedra (usuarios de telepeaxe e con volta no mesmo día aforran un pago), e que se aplicará durante tres anos; e un 1,91 por cento máis, atribuído ao cálculo definitivo do IPC.


Pola súa banda, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, referiuse a esta cuestión este martes nun almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum. Segundo afirmou, a subida "simplemente responde ao que vén establecido nos contratos correspondentes".


OBRAS DE AMPLIACIÓN


Por outra banda, a concesionaria reafirmou a súa intención de poñer en servizo os novos carrís da autoestrada, tanto en Santiago como na Ponte de Rande e a súa contorna, nos próximos días. De feito, a finalización das obras dentro do ano 2017 é requisito imprescindible para que Audasa poida repercutir o 1 por cento de subida nas peaxes a partir de 2018, recollido no convenio de 2011.


Segundo as fontes consultadas por Europa Press, no caso de Rande están a rematarse os últimos traballos, e séguense tramitando, co Ministerio de Fomento, as certificacións necesarias para a entrada en servizo das novas dotacións. Así, a empresa prevé que a próxima semana se poidan realizar as probas de carga na ponte, tanto estáticas como dinámicas.


"ATRACO A MAN ARMADA"


Tras coñecer que o incremento das peaxes da autoestrada AP-9 para o próximo ano 2018 será dun 3.81% (aínda maior que o 3.1% anunciado inicialmente e moi superior á media de incremento estatal), o viceportavoz de En Marea Antón Sánchez cualificouno de "atraco a man armada a miles de usuarios e usuarias da vía, legalizado a través do BOE".


"O señor Feijóo debe esixirlle ao Ministerio de Fomento a conxelación das peaxes para os próximos anos, pois non nos valen as explicacións das herdanzas recibidas", declarou Sánchez. Ademais, cuestionou o escaso peso político do presidente da Xunta en Madrid e instouno a explicarlle á cidadanía galega no seu tradicional discurso de Nadal por que o PP agasalla a Audasa con máis millóns de beneficios á conta de galegos e galegas".


A actual situación da AP-9 é para En Marea froito dunha responsabilidade compartida "dos sucesivos gobernos de Aznar, Zapatero, e Rajoy que nunca cuestionaron os privilexios da empresa Audasa".


De feito, a ampliación da concesión en 2001 cando xa estaba amortizada e a fórmula de actualización anual dos prezos das peaxes pactada en 2002 foron ámbas baixo o mandato de Aznar e a ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago carrexaron por decisión do socialista José Blanco subidas constantes durante 20 anos, semellante á decisión de Ana Pastor en 2013 de facer gratuíta a viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra a cambio dunha evolución á alza dos prezos das peaxes.


"Non debemos esquecer que a privatización vergoñosa, unha vez saneada con diñeiro público, a prezo de amigo foi levada a cabo polo goberno de Aznar, con consecuencias que estamos aínda pagando", lembrou Sánchez.


Decisións que favoreceron sucesivamente os intereses de Audasa mentres a empresa obtén uns beneficios que o viceportavoz de En Marea cualificou de "indecentes", en referencia aos 45 millóns de dividendos repartidos o ano pasado.


"Uno de cada tres euros do que que pagamos en peaxes é repartido en dividendos entre os accionistas de Audasa, un negocio sen parangón outorgado por unha Administración pública que privatizou a prezo de amigo esta infraestrutura", sinalou Antón Sánchez.


En Marea tamén destaca que a concesionaria da AP-9 é a que recibe un maior número de reclamacións por parte dos seus usuarios e é tamén a que menos traballadores ten por quilómetro de autoestrada.


relacionada O BNG recurirrá o veto "antidemocrático" ao debate sobre a "estafa legalizada" da AP-9
relacionada ​A AP-9 sobe as peaxes en 2018 e a oposición censura a "submisión" e "incapacidade" de Feijóo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress