Adrián devolve o sorriso a Riazor

|

DeporLega
O Depor levou a vitoria ante o CD Leganes. RC Deportivo


Vitoria pola mínima do Deportivo da Coruña que se reencontrou coa estraña sensación de facer as cousas ben e obter un premio diso. Un solitario gol de Adrian aos vinte minutos de xogo deu os tres puntos ao Depor, que rompe unha serie de catro partidos sen gañar. Os de Parralo sitúanse así tres puntos por encima dos postos de descenso e prepáranse para o Tourmalet de final de ano que lles enfrontará a Barça e Celta.


O Depor foi por fin un equipo dominador, con iniciativa e vistoso. Unha circunstancia que se deu por dous factores: o primeiro que se xuntaron todos os jugones do equipo herculino e a aliñación mostrou un once tipo con moita calidade no centro do campo, con Çolak á fronte da sala de operacións e cun recuperado Carles Gil que, se supera as súas lesións, pode ser un xogador capital en Riazor. Doutra banda, un Leiga inoperante en todos os aspectos salvo na portería permitiu que os locais se lucisen.


O partido foi un dominio total dos branquiazuis. Como ferreiros martillearon a portería do cadro madrileño sen descanso, pero a falta de puntería e un acertado ‘Pichu’ evitaron que os afeccionados gozasen dun puñado de goles. A pesar dalgúns achegamentos perigosos, o Deportivo estreou o marcador aos 24 minutos. Un zapatazo do mediapunta turco obrigou a Cuellar a despexar o balón de forma defectuosa e, grazas a un mal despexe dun defensor, Adrián topouse co coiro sen oposición para envialo cun croque ao fondo das mallas. Gran rendemento o do asturiano na súa volta á Coruña, que onte celebraba o seu partido número 100.


O luminoso non se volvería a mover en todo o partido, aínda que ocasións non faltaron para iso. De lonxe o Depor tentouno en varias ocasións, pero o esférico non atopou a dirección do gol. Gilherme e de novo Adrián protagonizaron as mellores xogadas do primeiro tempo.


Xa na segunda parte os locais seguiron sendo unha conxunto coral con fame. Entre as moitas ocasións que adornaron o segundo tempo, a que levou máis mans á cabeza na bancada foi un zapatazo brutal de Carles Gil ao traveseiro. O ex do Aston Vila non se reencontrou co gol pero ofreceu a súa mellor versión. Só as intervencións de Cuellar a remates de Borges e Lucas salvaron ao Leganés de non irse escaldados de Galicia, xa que non gozaron de ningunha ocasión reseñable en todo o partido.


O triunfo chega a Riazor no momento máis crítico da tempada e dá aos branquiazuis un pouco de aire no momento xusto, cando as enerxías empezan a fallar e xusto antes de que cheguen os duelos contra Barça e Celta. Especialmente importante é o derbi ante os celestes, que pode marcar o devir do Deportivo. Este triunfo dá fe aos afeccionados deportivistas para crer en tempos mellores.


Ficha técnica:

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Fede Valverde, min. 87), Emre Çolak (Pedro Mosquera, min. 90+4), Adrián (Bakkali, min. 83) e Lucas.


CD Leganés: Cuéllar, Perico, Bustinza, Raúl García, Diego Rico, Rubén Pérez (Gumbau, min. 46), O Zhar (José Naranjo, min. 69), Eraso, Gabriel, Szymanowski (Amrabat, min. 53) e Beauvue.


Goles: 1-0 Adrián (min. 24).


Árbitro: Melero López, do comité territorial andaluz, amoestou aos locais Schär (min. 27), Borges (min. 48), Guilherme (min. 53) e Fernando Navarro (min. 90+3) e aos visistantes Rubén Pérez (min. 39), Gumbau (min. 61), Beauvue (min. 89) e Gabriel (min. 90)


Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.447 espectadores.

relacionada O Dépor pecha o traspaso de Arribas ao Pumas de México

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress