A Xunta detecta ferro na auga do barrio de Canido

|

Auga vigo turbiaAuga da traída de Vigo. Foto: @JaviDorado


A Consellería de Sanidade detectou niveis de ferro por encima do recomendado, ademais dunha elevada turbidez, nunha análise de auga realizada no barrio vigués de Canido, así como parámetros anormais nos municipios pontevedreses de Moaña, Redondela e Soutomaior.  En calquera caso, a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, puntualizou que non se está nunha condición de alerta sanitaria.


Ademáis, explicou que "non son parámetros tóxicos", senón que a cor da auga e o sabor metálico fan desagradable o seu consumo, pero "a inxesta baixa de ferro non representa risco para a saúde, aínda que si se se inxerise en niveis altos ao longo do tempo".


O Concello de Vigo asegurou que as novas análises realizadas este mesmo venres na auga confirman que é potable "ao cen por cento". O Consistorio vigués emitiu un comunicado no que subliña que en Canido, onde as análises practicadas este xoves colocaban os parámetros ao límite da potabilidade, están "por baixo da norma".


Pola súa banda, a Xunta sitúa os parámetros de ferro "ao límite", cun pico de 559 microgramos por litro no punto da rede onde se dispararon os valores. Ese límite está a partir de 600, polo que neste momento se considera a auga apta para consumo. Por conseguinte, a Xunta non adoptará polo momento medidas que restrinxan o uso, pero advirte de que se manterá "vixiante".


Se se desaconsellase o consumo de auga porque se confirman estes datos, non está claro a cantos veciños de Vigo afectaría porque todos os depósitos están conectados entre si e "mestúrase a auga", tal e como explicaron os expertos da Xunta, polo que terían que "ver con Aqualia" como se materializaría a restrición.


As chuvias que están a caer e as que se prevén para as próximas horas terán uns efectos "moi dubidosos", porque aumentarán o caudal do encoro, pero á vez tamén poderían mobilizar "o que está debaixo" e provocar que aumenten os niveis de substancias desaconselladas.



Nunha rolda de prensa en Vigo, o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, insistiu en que "non só un hai un problema da cantidade de auga" debida á seca, "senón da calidade da auga" pola potabilizadora.


Segundo dixo, o Consistorio "sabe desde 2010" a situación desta planta potabilizadora, pero "non fixo investimentos o suficientemente importantes para poder garantir que cumpre os parámetros que esixe a normativa para garantir a calidade da auga". "Durante o último ano non só non se colaborou coa Xunta, senón que se ocultou información esencial que podería evitar, ou polo menos paliar, a situación coa que se enfronta a cidade", denunciou.


O CAMBIO DUN TUBO


O Concello de Vigo atribuíu os niveis de ferro por encima do recomendado a unha obra realizada na estrada e acusou a Feijóo de saber que ese rexistro "non ten relación coa potabilizadora".


Nun comunicado, o Consistorio vigués, que dirixe o socialista Abel Caballero, sinalou que o parámetro de 600 mg/l de ferro detectado en Canido "non se debe nin á seca nin á depuradora", senón que está relacionado "co cambio dun tubo" e asegurou que "é algo que coñece a Xunta".


"Feijóo sabe que este rexistro non ten relación coa potabilizadora, pero é un vantaxista, tramposo e mentireiro", afirma o Concello de Vigo.


relacionada Feijóo reclama análises da auga que a Xunta xa recibe "cada catro horas"
relacionada As protestas polo bombeo no río Verdugo chegan a Soutomaior

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress