Feijóo reclama análises da auga que a Xunta xa recibe "cada catro horas"

|

Auga analisis


O grupo municipal do PP no Concello de Vigo acusou este xoves ao alcalde da cidade, Abel Caballero, e á concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento, Aqualia, de "ocultar" aos cidadáns a información sobre as análises que se realizan periodicamente á auga da traída, e denunciou que a empresa deixou de publicar en setembro pasado a dita información na súa páxina web.


Segundo incidiu a portavoz popular Elena Muñoz, o alcalde "ten perfecto coñecemento" de que a estación potabilizadora (ETAP) do Casal está "obsoleta" e necesita unha modernización desde hai anos, de acordo con informes técnicos que o rexedor "ignorou por vontade propia".


Pola súa banda, Feijóo anunciou que se requiriu ás empresas que xestionan a auga --en Vigo e a súa área metropolitana, segundo concretou Sanidade-- que informen "en tempo real" das análises das traídas para determinar a potabilidade co obxectivo de "dar información, sen alarmismos", aos cidadáns. De feito, avanzou que, se as mostras saen mal, desaconsellarase o consumo humano.


Previamente, cargou con dureza contra o Concello de Vigo, con Abel Caballero á fronte, por "negar durante 14 meses" que a potabilizadora non tiña capacidade para cumprir a súa función a medida que "baixaba o caudal".


CADA CATRO HORAS


Con respecto á denuncia do PP sobre a falta de información acerca das analíticas que a concesionaria da auga, Aqualia, realiza, e que non está actualizada na súa páxina web desde setembro pasado, Abel Caballero puntualizou que a empresa está a realizar estudos da auga "cada catro horas".


Así, subliñou, esas análises envíanse á Xunta, "que é a que decreta a potabilidade de auga", e por tanto, ten información da calidade da subministración cada catro horas.


CHOQUE CO BNG


O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegurou que a postura do BNG no Goberno provincial, que comparte co PSdeG, é de rexeitamento ao transvasamento de auga do río Verdugo proxectado pola Xunta para garantir o abastecemento dos concellos da área metropolitana de Vigo.


"Desde logo non o imos aceptar, polo fondo e pola forma", dixo o nacionalista César Mosquera este xoves nunha rolda de prensa na Deputación. "Por iso estiven onte alí", dixo en referencia a a manifestación celebrada este mércores en Soutomaior, na que participou en calidade de vicepresidente da Administración provincial e concelleira do BNG en Pontevedra.


Finalmente, o vicepresidente da Deputación pediu que se afronte "con estudos serios e con calma" o estado no que se atopa o sistema de abastecemento na área de Vigo. "Se ten deficiencias, haberá que afrontalo", indicou, para rexeitar solucións "a correr para ver se saímos do paso".


"POLÍTICA CONTRA VIGO"


O alcalde de Vigo, pola súa banda. arremeteu este xoves duramente contra a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, á que acusou de facer política "do peor nivel, curta de miras e con mentiras" por criticar o transvasamento do río Verdugo para aumentar o caudal de auga ao sistema de abastecemento.


O alcalde incidiu en que as palabras da eurodeputada do BNG son "antiviguismo puro e duro". "Utiliza os votos de Vigo para ir contra Vigo, pero facer política contra Vigo ten un custo e o BNG vaino pagar", proclamou.


relacionada As protestas polo bombeo no río Verdugo chegan a Soutomaior
relacionada Caballero, Feijóo e Ponte Caldelas avivan os reproches pola auga
relacionada Sen unha solución "definitiva", a auga deixará de ser potable este mes

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress