Os tempos son chegados

Manoel Barbeitos
Economista

Enmareavotacionplenario

Votacións no plenario de En Marea.


Todas as evidencias apuntan a que, tanto en Galiza como en España, estamos asistindo a unha deterioración económica, social, política e medioambiental sen precedentes inmediatos e tal que, como moitas voces autorizadas sinalan, parecera que volvésemos aos anos da transición democrática.


Unha deterioración que se, dende o punto de vista das clases populares, podemos cualificar de grande recesión ten, porén, causas claramente políticas. As políticas que dende que estourou a crise financeira (2008) se veñen aplicando con especial saña en Galiza e en España. Políticas que, cómpre subliñalo, son impostas polo binomio PSOE/PP co incondicional apoio de C's –formando así unha sorte de nova troica- para beneficio dos intereses e aspiracións das clases dominantes -IBEX 35- pero que provocan enormes prexuízos as clases populares.


Sirva como dato irrefutable a realidade de que con estas políticas os niveis de desigualdade e pobreza se dispararon ata situar a Galiza, e a España, entre as comunidades europeas líderes en desigualdade. Fenómeno este admitido por entidades ten pouco sospeitosas como a OCDE e mesmo a propia Comisión Europea.


Unhas políticas que tiveron o seu limiar na reforma express da Constitución (reforma artigo 135 da C.E.) que veu pór os intereses dos bancos por riba dos intereses xerais e moi especialmente dos das clases populares, que son a maioría da poboación. Políticas que continuaron coas sucesivas reformas laborais que favorecen un aínda maior desequilibro entre as rendas do traballo e do capital. Que se acompañaron de axustes fiscais compulsivos que deterioran o público, debilitan o estado de benestar e frean o crecemento económico e a creación de emprego.


Políticas que puxeron en marcha medidas -por caso, a coñecida como lei mordaza- quen fan que os dereitos e as liberdades democráticas (expresión, manifestación, xuntanza...) estean hoxe en grave perigo en Galiza e en España. As evidencias son diarias e continuas.


Políticas que, para máis inxuria, executan gobernos dirixidos por un dos partidos políticos (PP) mais corruptos de Europa. Un partido que, como mostran diariamente as evidencias, ten a corrupción como modus vivendi en Galiza e en España. Un partido imputado pola xustiza en asuntos de corrupción que, por iso mesmo, debera estar ilegalizado.


Un partido que, contando co apoio do PSOE e de C's, e aproveitando a torpeza política dos independentistas cataláns (JxSi e ER) está levando adiante unha auténtica demolición do estado das autonomías –se logo da aplicación do artigo 155 Catalunya está sen goberno propio, toca agora poñer o foco no concerto vasco- ao tempo que desata un frontal ataque contra os concellos do cambio -velaí o caso paradigmático do concello de Madrid- aos que tratan da afogar financeiramente para así anular a autonomía local.


Estamos, xa que logo, nunha situación de emerxencia que demanda con urxencia un cambio político tanto en Galiza, como e en España. Pero un cambio de tal magnitude esixe a creación dun potente movemento sociopolítico que, liderado polas forzas políticas antisistémicas e contando co apoio dos axentes e os movementos sociais, sexa quen de dar un xiro radical a actual situación política. Un cambio tal que, por caso, en Galiza demanda de EN MAREA -como partido antisistémico hexemónico- un grande esforzo de RESPONSABILIDADE, CLARIDADE DE IDEAS e ALTURA DE MIRAS.


Esforzo de RESPONSABILIDADE que supón, por caso, que as prioridades políticas han de se fixar en función dos intereses reais das clases populares galegas e non dos intereses partidarios internos. Prioridades que marcan que, hoxe por hoxe, non é o momento de pór o foco en debates internos nos que primen temas como a independencia de Galiza senón que EN MAREA debe abandonar o que nos últimos tempos parece un monotema en toda España e colocar no centro do debate os problemas reais das clases populares galegas. Porque, hoxe por hoxe, aquel é un debate, camaradas de ANOVA, xa non só fóra de lugar -non é nin de lonxe unha das prioridades das clases populares galegas- senón tamén unha formulación suicida tal como está a correlación de forzas na actualidade. É que non é suficiente argumento a torpeza política e, xa que logo, o grande fracaso das forzas independentistas catalás?


Que é necesario, camaradas de PODEMOS, ter CLARIDADE DE IDEAS para ver que no seo das esquerda é a hora da unidade, de priorizar as coincidencias sobre as discrepancias que tanto danan a imaxe das esquerdas: é que non vedes o que pasou con PODEM en Catalunya?


Que, xa que logo, hoxe -compañeiros de ESQUERDA UNIDA, alcaldes dos concellos de COMPOSTELA e A CORUÑA- son tempos de deixar a unha beira as aspiracións persoais, esquecer personalismos que deberan ser impropios nas esquerdas, para con ALTURA DE MIRAS apostar con lealdade por proxectos colectivos -como por caso están facendo ICV, EUiA e a propia Ada Colau- onde teñan cabida todos/as aqueles/as que apostan por un cambio real en Galiza.


Ou se entende que EN MAREA é un proxecto integrador de correntes de esquerdas antisistémicas aínda que diferentes, ou se acaba con EN MAREA. E se se acaba con EN MAREA, que beneficios políticos sacan os partidos que a integran? É que non se entende que se iso se produce está garantida a continuidade do PP á fronte da Xunta de Galiza? É que non se ve claro que unha EN MAREA unida, na súa diversidade, é a única garantía que teñen as clases populares galegas de que haxa un cambio real en Galiza? É que non se entende que unha das riquezas da esquerda galega antisistémica é a pluralidade. Outra debera ser a lealdade.


É hora, xa que logo, camaradas de EN MAREA, de traballar arreo pero unidos para xunto cos movementos sociais crear un bloque sociopolítico que sexa quen de descabalgar o PP do goberno galego e abrir así a posibilidade de pór en marcha en Galiza novas políticas que teñan como referente social as clases populares.


Os tempos do cambio real son chegados en Galiza, e en España. Non podemos perder esta nova oportunidade. As clases populares galegas non nolo perdoarían… e con toda a razón. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE