Encontro "a tres bandas" polo conflito de saneamento da ría de Ferrol

Ferrol e Narón reclaman reunirse " de inmediato" con Augas de Galicia para buscar solucións.


|

Jorge suarez ferrol



O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), e a súa homóloga en Narón, Marián Ferreiro (TeGa), reclamaron ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, manter un encontro "a tres bandas de inmediato" para tratar de solucionar a xestión do sistema de saneamento na ría de Ferrol, e evitar desta forma "abrir novos conflitos entre administracións veciñas".


Ambos enviaron o martes unha misiva ao representante do ente autonómico na que sinalan que o "incumprimento na redacción dun borrador de convenio baixo uns parámetros claros e concisos" e que xa foran acordado por ambas as alcaldías "está a poñer en risco o desenvolvemento do saneamento integral da ría nun marco xurídico idóneo e de cooperación, onde Augas de Galicia ten un deber ineludible e a competencia concreta de control e supervisión do servizo".


Ambos os rexedores estiman que é necesario conseguir unha solución política conxunta á situación creada co saneamento e consideran que "a dilación indebida do organismo autonómico pode supoñer a consolidación dun convenio que naceu de maneira provisional ata que se logre unha xestión do servizo de forma mancomunada e participada polas tres administracións".


ENCONTRO ENTRE REXEDORES


Jorge Suárez e Marián Ferreiro mantiveron un encontro o pasado 22 de novembro e ambos recoñecen que o convenio asinado o 1 de agosto deste ano entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol "debe de ter un carácter provisional, estimando que o mesmo debe de recoller como finalización "o 1 de agosto de 2018", data a partir da que "calquera decisión sobre a xestión da depuradora e demais infraestruturas vinculadas ao saneamento deberá acordarse entre as tres administracións implicadas".


Os dous gobernos municipais tamén estiman que "no caso de que non se materialice ese acordo na data indicada, a xestión reverterá inmediatamente en Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil" e que en caso de lograrse un acordo a tres partes, os alcaldes de Ferrol e Narón ratificaron o seu "compromiso político" de financiamento a razón dun 70% no caso de Ferrol e dun 30% desde Narón. Ambos os municipios apostan pola supramunicipalización da xestión.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE