Varios dos rapeiros condenados a prisión por enaltecemento do terrorismo son galegos

|

Insurxencia vigoActo de apoio en Vigo. Foto: A Insurxencia Facebook


A Audiencia Nacional condenou a dous anos de cárcere por delito de enaltecemento do terrorismo a cada un dos doce músicos que integran o grupo de hip-hop La Insurgencia, dos que varios son galegos, ao entender que "de forma unitaria" buscan propagar as súas ideas de odio ao sistema democrático e enxalzar a organización terrorista GRAPO.


Os maxistrados da Sección Cuarta da Sala do Penal acordan igualmente a retirada das cancións ás que se refiren os feitos subidas a plataformas como Youtube e Facebook e a imposición a cada un dos doce integrantes dunha multa de 4.800 euros, segundo reza a sentenza que conta co voto particular da presidenta da Sección, a maxistrada Ángela Murillo, que considera que o único que querían "as criaturas" era "chamar a atención.


A presidenta do tribunal expresa a súa discrepancia alegando que puido detectar con "claridade palmaria" que no "ánimo dos mozos", xulgados a primeira semana de novembro, non reinaba unha intencionalidade dirixida a enaltecer ou xustificar accións terroristas".



ELOXIOS AOS MEMBROS DOS GRAPO


Nas súas letras, os doce condenados apelan á "liberdade dos presos políticos", piden que volva o "Partido Comunista Reconstruído", ou eloxian a diversos membros dos GRAPO.


"As letras das cancións trascritas conteñen continuadas alusións que desprovistas de calquera outra consideración entrañan abertamente unha loa á organización terrorista GRAPO e que ademais, aínda que de forma puntual, aúnan aquela á organización terrorista ETA, á que igualmente citan", expón a resolución.


"EFECTO MULTIPLICADOR" DE YOUTUBE


Os maxistrados fan fincapé na difusión "sen molestia algunha" dos temas que publican e que nalgúns casos van acompañados de imaxes. "E non é de menor relevancia a engadida potencial profusión, cando as cancións e as imaxes que nalgún caso as acompañan, navegan polas redes sociais co efecto multiplicador", din sobre este grupo composto por un total de dezaoito persoas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress