Os dous candidatos ás primarias do PSOE na Coruña presentan os seus avais

|

Roson formosoMercedes Rosón e González Formoso son os candidatos coruñeses.


O PSOE galego encara este mes de decembro a renovación dos seus órganos provinciais logo da elección de Gonzalo Caballero como novo secretario xeral tras vencer nas primarias celebradas o pasado mes de outubro. Este domingo é a quenda de Lugo e Pontevedra, mentres A Coruña e Ourense teñen prazos máis amplos.


Os dous candidatos para a secretaría provincial do PSOE na Coruña, Valentín González Formoso (presidente da Deputación coruñesa) e Mercedes Rosón, presentaron este sábado os avais necesarios --algo máis de 200-- para concorrer ao proceso electoral do próximo domingo 17.


DESTACAN OS APOIOS RECIBIDOS


Tras entregar os avais, e en declaracións aos medios, Formoso destacou as "boas vibracións" que recolleu nos últimos días "ao longo e ancho da provincia" e reivindicou que logrou solicitar "ao redor de 1.500 avais". "O cal é un signo moi positivo e que ilusiona", destacou.


Formoso incidiu en que o seu é "un proxecto pensado nas municipais, para revitalizar un partido que necesita ánimo e ilusión, desde a seriedade e desde a honestidade e convicción".


ROSÓN, UN PROXECTO "HORIZONTAL"


Pola súa banda, a ex concelleira compostelá Mercedes Rosón reivindicou que o seu proxecto é o da "horizontalidade", o da "militancia" e destacou que se sentiu "moi apoiada estes días" por parte de xente de "toda a provincia".


O seu proxecto, defendeu, está pensado para "reconstruír o proxecto colectivo, integrador e horizontal" do PSOE e volver "atoparse" coa militancia. Convencida de que hai "xogo", non quixo poñer cifras ao número de avais obtidos por encima dos obrigatorios, e agradeceu aos outros aspirantes que finalmente se retiraron que lle desen o seu respaldo.


CANDIDATURAS DE OURENSE


Os precandidatos á secretaría provincial do PSOE de Ourense Rafael Rodríguez Villarino e Álvaro Vila iniciaron este sábado as negociacións para unir forzas para as primarias previstas para o próximo 17 de decembro e para as que tamén se postularon a deputada Noela Branco e o ex secretario xeral Pachi Vázquez.


Segundo un comunicado, ambos iniciaron as conversacións para unirse nunha única candidatura "para a confección dun proxecto político renovador, integrador e de cohesión" no que exista un liderado provincial "o máis transparente e sólido posible".


Na demarcación ourensá o día para a elección do seu novo secretario será o día 17. Se ninguén supera a metade dos votos, os dous con máis apoio medirán as súas forzas de novo o día 30. O congreso dos socialistas ourensáns está previsto para o 20 de xaneiro.


relacionada Gonzalo Caballero defende a "neutralidade" da cúpula nas primarias provinciais
relacionada ​As primarias do PSOE da Coruña comezan a despexar a lista de aspirantes
relacionada Gonzalo Caballero reclama deixar atrás "o modelo de baronías" nas primarias provinciais

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress