Vilagarcía volverá saír á rúa polo mantemento da área sanitaria do Salnés

Convocan o domingo unha marcha a pé de catro quilómetros que rematará nunha concentración ante o hospital.


|

Vilagarcia area sanitariaProtesta en Vilagarcía a final de setembro. Foto: CCOO


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés --entidade que agrupa a partidos políticos, sindicatos e colectivos de traballadores sanitarios-- convocou para este domingo, 3 de decembro, unha marcha en contra da supresión da área sanitaria da comarca.


Os participantes partirán ás 11.30 horas desde o ambulatorio de San Roque para percorrer a pé os catro quilómetros que o separan do Hospital do Salnés. Unha vez alí concentraranse ás portas do centro hospitalario para esixir a retirada do proxecto de reforma da Lei Galega de Saúde do ano 2008 que contempla o desmantelamento da área sanitaria do Salnés.


Boa parte do percorrido da marcha discorre pola estrada N-640, polo que os organizadores previron un dispositivo de seguridade formado por cen persoas que se encargarán en todo momento de avisar e desviar os condutores durante o traxecto.


Os responsables da plataforma animan a aquelas persoas que non sentan en condicións físicas como para realizar o percorrido a pé a que acudan á concentración que terá lugar ás portas do hospital ao finalizar a marcha, ao redor das 12.30 horas. Os organizadores dispuxeron un servizo de autobuses de retorno para que os participantes na marcha non teñan que regresar a pé a Vilagarcía.


"PERDA DE SERVIZOS"


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés denuncia que a supresión da área sanitaria da comarca avanza no desmantelamento do hospital "provocando unha perda de servizos, especialidades e profesionais, dificultando a accesibilidade e paralizando a reforma da Atención Primaria".


A portavoz do colectivo Rosa Casal lembrou que episodios recentes na comarca, coma a perda do médico en Vilaxoán, a redución das consultas de pediatría en Cambados ou o feito de que non se cubran as baixas no centro de saúde da Illa non poden ser consideradas como feitos illados senón como "o reflexo dunha política de desmantelamento da sanidade pública no Salnés".


PROTESTAS DOS VECIÑOS DE VILAXOÁN


Ao mesmo tempo que se celebraba a rolda de prensa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés decenas de veciños de Vilaxoán permanecían concentrados ás portas do Hospital do Salnés para protestar polo feito de que o Sergas non cubrise a baixa da médico que atende a consulta, deixando desde hai semanas sen este servizo a 1.200 persoas.


Neste sentido, o BNG presentou este mércores unha serie de cuestións na Comisión de Sanidade do Parlamento. Os parlamentarios nacionalistas preguntáronlle á Xunta se ten previsto "cubrir a ausencia da médico do centro de saúde de Vilaxoán" e se considera que os veciños desta localidade poden ter unha idónea atención sanitaria "se non se substitúe á única facultativa que presta servizo nese centro".


Os deputados do BNG tamén cuestionan que o ambulatorio de Vilagarcía, "coa sobrecarga asistencial que ten", estea en condicións de asumir o aumento da demanda que lle está supoñendo ter que atender os enfermos de Vilaxoán.


SUBSTITUTO O LUNS


O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da xerencia sanitaria de Pontevedra e O Salnés, planifica unha nova cobertura da atención médica no consultorio arousán de Vilaxoán.


Así, cubrirá cun mesmo substituto médico o vindeiro luns 4 de decembro e os luns e mércores das semanas do 11 ao 18 de decembro, así como as semanas do 8 e 15 de xaneiro de 2018. O resto de días, concretan as mesmas fontes, a atención prestarase no centro de saúde de San Roque en Vilagarcía.


relacionada Persoal sanitario de Santiago solidarízase cos compañeiros das áreas ameazadas
relacionada Marcha contra a conversión do Hospital do Salnés nun "gran ambulatorio"
relacionada Esixen a apertura "inmediata" da planta do Hospital do Salnés pechada no verán

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE