A comisión sobre os incendios arrincará inmediatamente despois do Nadal
As expectativas sobre "o que pode dar de si" son moi dispares entre as distintas forzas políticas galegas.
A reunión de portavoces para preparar o pleno da semana próxima no Hórreo tamén serviu para debater sobre a comisión de estudo impulsada despois da vaga de incendios que afectou a Galicia a mediados do pasado mes de outubro e cuxas comparecencias está previsto que poidan iniciarse ao longo do próximo mes de xaneiro, tras as datas do Nadal.
Ratificouno o portavoz do grupo maioritario na Cámara, Pedro Puy, quen lembrou que este mesmo martes queda constituída a comisión e elixida a Mesa da mesma. Unha vez fixada a documentación e os informes cos que se vai a traballar, e pechada a listaxe de comparecentes, ao longo de xaneiro empezarán a acudir á Cámara.
Puy destacou a "rápida" resposta do Goberno e o impulso desta comisión e incidiu en que decembro é un mes "difícil" para o calendario parlamentario. O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, coincidiu en que "se está actuando dun modo áxil dentro dun calendario moi complicado" como é decembro, onde se aprobarán os orzamentos.
Previamente, a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil lamentara que as comparecencias non arrinquen antes. "Quixemos apurar os trámites para que empezasen en decembro, pero o PP, argüindo tempo axustado, festivos e vacacións, non quixo que fose así", censurou.
DISTINTAS EXPECTATIVAS
Ás portas de que este mesmo martes a comisión quede activada, as expectativas sobre "o que pode dar de si" varían en función do grupo. Así, á marxe de reprobar que se "dilaten" as comparecencias, a nacionalista Olalla Rodil afirmou que o BNG acode "con cautelas" á comisión, ante a actitude que poidan manter os populares.
Por parte do BNG, asegurou que se busca que esta comisión "funcione" e que "aclare" a vaga de incendios de outubro, pero tamén que sirva para "poñer encima da mesa propostas que senten as bases para unha nova xestión do monte fuxindo da concepción exclusivamente forestal e abordando a súa multifunción e protección".
O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga incidiu en que o seu Grupo participará no relatorio con ánimo de facer "propostas realistas" e tamén "ambiciosas" encamiñadas a impulsar un cambio na política forestal e de extinción dos lumes que se dá en Galicia.
Pola súa banda, o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, arrincou cunha dura crítica sobre o feito de que o PP "non cumpra" as normativas aprobadas nin os consellos que se derivan dos ditames compilados por mor das comisións que traballaron en 1989 e 2006. Por iso, pediu debater "con seriedade" e que, se se acordan medidas, se doten de "recursos".
En Marea parte cunha "idea pesimista" do que poida saír da comisión e Sánchez remarcou que, en todo caso, o obxectivo "non é un pacto", aínda que considera que nas políticas contra incendios debe haber "uns mínimos consensuados". "Veremos o que pode dar de si", aseverou.
"ÁNIMO CONSTRUTIVO" DO PP
Pola súa banda, Pedro Puy asegurou que o PP vai "con ánimo construtivo" e apuntou que "non se trata tanto de facer unha análise cara atrás" como de ver "onde están os problemas que impiden rendibilizar o monte", así como determinar por que algunhas das normas que están en vigor "non se aplican coa intensidade necesaria para mellorar a loita contra os incendios".
Escribe o teu comentario