​A AP-9 sobe as peaxes en 2018 e a oposición censura a "submisión" e "incapacidade" de Feijóo

|

Ap9peajeautopista


O portavoz de En Marea, Luís Villares, opinou este luns que a subida das peaxes da AP-9 a partir de xaneiro é "un disparate" e "un abuso" que atribuíu á "incapacidade política" do presidente da Xunta.


"É indignante que a súa incapacidade política lle impida negociar prezos que non sexan abusivos para os usuarios da AP-9", sentenciou o dirixente da formación rupturista en rolda de prensa, tras subliñar que podería "influír" para fixar un tope no aumento das tarifas.


Ao tempo, criticou que unha compañía que opera en réxime de monopolio poida incrementar "os custos fixos" da mobilidade tanto de persoas como de mercadorías. E incidiu no que o aumento das peaxes nun 3,1 por cento a partir do ano próximo "non se xustifica en ningún caso", pois os salarios non se incrementan na mesma medida.


HERDANZA DE ZAPATERO


"As peaxes, tal e como están concibidas na AP-9, son unha decisión que se adoptou no momento no que se fixeron os cambios nesta concesión, concretamente ao final do mandato do anterior goberno nacional", manifestou o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, nunha rolda de prensa ofrecida este luns.


Nesta liña, aínda que defendeu que non están nin moito menos entre as máis altas do Estado", recoñeceu que "hai cousas que teñen difícil explicación" como "a peaxe de Redondela".


Dito isto, avanzou que a súa formación analizará a subida con "máis detemento" unha vez que coñeza "o seu impacto exacto". Ademais, asegurou que a conselleira de Infrestruturas, Ethel Vázquez, poderá trasladar na comisión mixta entre a Xunta e Fomento para o seguimento desta autoestrada "algunhas destas cuestións".


"COMBINA POSTUREO E COMPRACENCIA"


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou á Xunta que "negocie" co Ministerio de Fomento para que asuma os investimentos realizados na AP-9 e, así, evite a subida de peaxes prevista para o mes de xaneiro, "xa que non foi capaz de desbloquear o veto á transferencia" da AP-9.


En paralelo, denunciou a "compracencia" de Feijóo fronte ás "sorpresas cada vez máis alarmantes" que Fomento reserva a Galicia. "E esa combinación de postureo con compracencia é nefasta para os intereses de Galicia", apostilou Leiceaga.


OS INTERESES DO PP


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou "o caro que lle resulta a Galicia a submisión de Feijóo a Rajoy primando os intereses do PP sobre os do país", unha "deslealdade" que, ao seu xuízo, ten como novas mostras "o veto" á tarifa eléctrica galega, que se consumará na tramitación da iniciativa lexislativa popular, e "a falta de iniciativa para frear a estafa das peaxes, tras o anuncio dunha nova subida por parte de Audasa".


"Vai facer algo Feijóo?", interpelou a portavoz nacional, quen destacou que "se a Cristina Cifuentes lle din que van subir as peaxes das súas autoestradas, que hai cero euros para as radiais madrileñas pero hai 4.000 para rescatar a AP-9, estaría a montar unha mobilización política, nas antípodas do silencio e da submisión do presidente da Xunta".


A dirixente do Bloque considera "unha prioridade acabar coa estafa das peaxes, que estafa a miles de galegos sen máis alternativa que esa autoestrada".


relacionada ​Xunta e Fomento estudan bonificar as peaxes dos camións nas autoestradas
relacionada A reclamación da AP-9 persegue a De la Serna na súa visita a Galicia
relacionada A Xunta rexeita que Audasa compense as obras da AP-9 cunha subida de peaxes
relacionada Reclaman suprimir a peaxe da AP-9 en Redondela para compensar os veciños

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress