Igualdade asume que contra a violencia machista hai que "poñer o foco no maltratador"

"O primeiro que lle diría a unha muller maltratada é que ela non é culpable de nada", afirma a secretaria xeral.


|

ViolenciamachistaparaguasTivo mellor acollida a campaña 'En negro'. Foto: @carballo_gal


Incidir na educación desde as primeiras etapas, "esforzarse ao máximo" en coordinación entre administración e Xustiza e "poñer o foco no maltratador" son algúns dos retos aos que se enfronta a loita contra a violencia machista en Galicia, segundo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.


"O primeiro que lle diría a unha muller maltratada é que ela non é culpable de nada, que o culpable é o maltratador, e que chame ao 016", manifestou a secretaria xeral con motivo do Día contra a Violencia de Xénero.


A campaña institucional da Xunta deste ano topouse co rexeitamento de toda a oposición política, que reprochou o "paternalismo rancio" da proposta oficial. O BNG presentou a súa propia campaña, coa idea de "poñer o acento en quen son as persoas que agriden" ás mulleres.


NON CHEGAN ABONDO


A través do 016, e da súa derivación galega, as vítimas son dirixidas ao centro de información á muller máis próximo, ou ao doutro concello se teñen reparos en acudir ao da súa localidade, algo que sucede con frecuencia en poboacións pequenas.


"Non estamos a chegar todo o que quereriamos, porque as cifras aínda son insustentables, pero cada día, grazas á información, aos recursos, ás asociacións e aos centros de información á muller, estamos a chegar a máis", dixo López Abella, tras o que lembrou que a cifra de denuncias se incrementou en Galicia este ano un 22%.


Este incremento de denuncias, aínda que a priori pode parecer algo negativo, indica que existe cada vez máis conciencia entre as vítimas da necesidade de denunciar, e esixe por parte das administracións e da Xustiza unha análise "coordinada".


"POÑER O FOCO" NO MALTRATADOR


Aínda que López Abella recoñece a relevancia social e xurídica dos asasinatos machistas, a Administración aposta por "ir máis aló" neste campo e analizar e atallar tanto os malos tratos como as distintas violencias de xénero que sofren as mulleres.


Do mesmo xeito, apostou por "poñer o foco tamén no maltratador e no asasino". "Moitas veces, cargamos excesivamente sobre a muller vítima, e debemos poñer o foco no maltratador", dixo a secretaria xeral, que instou aos medios de comunicación a actuar tendo en conta as recomendacións dos expertos en canto a códigos deontolóxicos para arroupar a vítima que dubida se denunciar.


COMPROMISO ECONÓMICO


Os socialistas presentarán mocións en todos os municipios galegos para pedir ao Goberno que "cumpra o compromiso económico" acordado no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.


Así, como explicou o PSdeG a través dun comunicado en vésperas do Día internacional contra a violencia de xénero, o Executivo debe incrementar, durante o próximos cinco exercicios, os fondos que transfire aos concellos en 20 millóns de euros ao ano. "Ten que haber un compromiso activo día a día", requiriu.


relacionada A violencia machista, "máis presente" e "menos denunciada" no rural
relacionada Máis de 3.100 mulleres necesitan protección en Galicia contra a violencia machista
relacionada O BNG presenta a súa campaña contra a violencia machista e a Xunta defende a súa
relacionada Críticas contra a campaña institucional do 25 de novembro polo seu "paternalismo rancio"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE