Lida Senra denuncia en Bruxelas a “destrución” do patrimonio cultural

|


LidiaSenra

A eurodeputada Lida Senra.


A eurodeputada Lida Senra anunciou a iniciativa proposta pola coalición ecoloxista o Parlamento Europeo (integrada pola Esquerda Unitaria Europea e a Esquerda Verde Nórdica), para que diversas organizacións galegas, relacionadas coa protección do patrimonio ecolóxico e arqueolóxico de Galicia, teñan presenza dentro do Parlamento para levar as súas reivindicacións a Bruxelas. No acto ante os medios, a eurodeputada estivo acompañada do presidente da ‘Asociación Mariña Patrimonio’, Manuel Miranda Ruíz, que denunciou a inoperancia da Xunta á hora de defender “o patrimonio cultural e arqueolóxico de Galicia”


Ata 18 organizacións integrarán a delegación en Bruxelas os días 6 e 7 de decembro. No Parlamento Europeo participarán en reunións con representantes da Comisión Europea relacionados coa defensa do patrimonio cultural e con encontros con deputados alemáns, nos que se debaterá a relación de Alemaña coa compra de pasta de papel á madeireira Ence. A visita busca chamar a atención de Europa para “poñer o valor cultural da diversidade dos montes galegos, que están a ser destruídos pola falta de interese das administracións públicas” segundo afirma Lida Senra.


“Un dos principais problemas é a eucaliptización dos montes galegos, que afectan o patrimonio cultural e á biodiversidade galega” lamenta a eurodeputada. Á súa vez, denunciou a resistencia de España a formar parte do código de conduta sobre os bosques cultivados e as árbores autóctonas, integrado no Convenio de Berna aprobado en 1979, onde se denuncia ao eucalipto como unha “especie invasora”. “En Galicia vemos a problemática que causa esta especie, pero España resístese a despegarse das plantacións de eucalipto pola súa relación coa industria da celulosa” denuncia Lida Senra.


Pola súa banda, Manolo Miranda denunciou a “destrución masiva do patrimonio cultural provocada pola industria da celulosa” apoiado nos centos de denuncias existentes. Precisamente, 2018 será o ‘Ano Europeo de Patrimonio Cultural’, polo que a misión das organizacións é denunciar “o que non está a facer a Xunta de Galicia, incumprindo a súa deber legal” a favor dunha industria “insensible e irresponsable que corrompe ás administracións pola súa rendibilidade”. “Unha rendibilidade que non se ve reflectida na protección do patrimonio” lamenta o presidente da ‘Asocicion Mariña Patrimonio’.


Ademais, tanto Lida Senra como Manolo Miranda denunciaron as políticas agrarias e forestais que incumpren as leis de defensa de patrimonio e que fomentan o abandono do medio rural. “En xacementos arqueolóxicos non se poden plantar árbores de ningún tipo nin usar maquinaría pesada, pero isto ocorre e ampárao a Xunta” afirma Miranda, dubidando á súa vez da “rendibilidade que xera o papel fronte á rendibilidade que xera o patrimonio”. Á súa vez, denunciaron a vaga de incendios que arrasaron Galicia no mes de outubro e que destruíron patrimonio “ecolóxico, económico e cultural”.

relacionada Eucaliptos e maleza deixan paso a especies autóctonas
relacionada O interese da pasteira portuguesa, incentivo para a "eucaliptización" de Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress