Os empresarios convéncense do valor da responsabilidade social corporativa

|

RscsantiagoOs participantes no coloquio. Foto: Aristeia Avogados


Do éxito dunha empresa ten moito que dicir o seu vínculo coa sociedade. Ao redor desta idea articúlase o que se coñece como responsabilidade social corporativa, enraizada nos valores da empresa e a súa relación coa contorna.


O bufete Aristeia Avogados, con sede en Santiago, celebrou no hotel Eurostars Araguaney da capital galega, unha charla-coloquio sobre innovación e responsabilidade social corporativa. O debate estivo moderado polo avogado do despacho José Antonio Montero e participaron o conselleiro delegado de Gallega de Economía Social, Ramón Sestayo; o conselleiro delegado de Urovesa, Justo Sierra; o presidente do Grupo empresarial ABN, Javier Vázquez; e o administrador de Barreiro Díaz Consulting, Antonio Barreiro.


"En RSC prima o importante sobre o urxente, a historia dános experiencias que son valiosos ensinos en canto aos beneficios do compromiso dunha xestión con criterios de eficiencia e valores de honestidade, transparencia e ética", manifestou Montero na súa introdución.


Así mesmo, considerou que "España necesita un novo modelo económico e produtivo máis sustentable e a recuperación económica ha de ter un forte compoñente de RSC".


Ramón Sestayo, conselleiro-delegado de Gallega de Economía Social, falou, pola súa banda, da cultura da innovación responsable como un elemento que dá lugar a novos modelos de negocio, cadeas de valor sustentables, procesos máis eficientes con menor consumo de recursos e mellor clima laboral. Todos eles, na súa visión, "mitigan os impactos negativos das empresas e melloran a achega de valor aos seus grupos de interese".


En canto á súa empresa, Justo Sierra, conselleiro-delegado de UROVESA, afirmou que os beneficios que obtés a través da responsabilidade social empresarial (RSE) están relacionados coa aposta pola estabilidade e o longo prazo. "O que si podemos dicir é que a RSE, realizada de forma discreta e efectiva, sen proselitismo, orientada á nosa contorna sectorial ou social e focalizada na aposta pola innovación, acabou sempre por xerar un retorno en forma de aprecio dos clientes cara ao noso proxecto", destacou.


O presidente do Grupo empresarial ABN, Javier Vázquez, indicou que innovación e RSC comparten os mesmos principios e perseguen os mesmos obxectivos. E engade que a rendibilidade da RSC obtense pola aplicación de valores e principios que contribúen a integrar os obxectivos na mellora da contorna na que se desenvolve a actividade empresarial. Isto xera unha "sólida reputación", conclúe.


Pola súa banda, o consultor Antonio Barreiro explica que a RSC aparece tradicionalmente ligada a grandes empresas ou corporacións industriais, máis con fins filantrópicos e accións sociais útiles para publicitar o seu imaxe. Pero sinalou que as pemes tamén poden desenvolvela no ámbito local.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress