A oposición critica o "abuso" da lei de acompañamento por parte dos populares

|

Plenoparlamento 1


A lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña a os orzamentos da Xunta para 2018 e que, entre outras cuestións, modifica a lei de prevención de incendios e varias normativas máis para introducir "melloras" na xestión forestal e combater os lumes, tramitarase no Parlamento pese ao rexeitamento da oposición, cuxas emendas de totalidade rexeitou o PPdeG.


Os distintos portavoces da oposición no debate --Antón Sánchez (En Marea), Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG)-- fixeron especial fincapé nas modificacións en materia de incendios e coincidiron en interpretar que representan "un recoñecemento do fracaso" das políticas da Xunta tras a vaga de lumes de mediados de outubro.


Á marxe de subliñar que o problema forestal en Galicia é estrutural e non se soluciona por esta vía, toda a oposición coincidiu en criticar o uso da lei de acompañamento. Sánchez incidiu na "falta de planificación" do Goberno de Feijóo, mentres Rodríguez Rumbo advertiu que se modifican catro normas ligadas á loita contra incendios "pola porta de atrás e sen participación nin informes preceptivos".


Rodil advertiu que "son un total de 20 leis" as que se modifican a través deste "subterfuxio" e que se fai, ademais, en liña paralela ao proxecto de orzamentos de 2018. Os distintos grupos afearon, ademais, o "uso do rodete" por parte do PPdeG, que ao longo desta xornada rexeitou as súas distintas emendas. "Usan o rodete para abusar dun procedemento impropio, desprezando á oposición e á sociedade", esgrimiu Rodríguez Rumbo.


"NON SERÁ O MELLOR MECANISMO"


Avanzando o rexeitamento ás emendas de devolución da oposición -que posteriormente se confirmou na votación--, a portavoz popular, Paula Prado, defendeu que, aceptalas, supoñería bloquear a mellora da conciliación para os empregados públicos ou evitar medidas que favorecen a xestión de montes ou a loita contra incendios.


Ao tempo, aínda que recoñeceu que a lei de acompañamento non sexa "o mellor mecanismo", a deputada popular reivindicou que non furta o debate e "é legal", xa que hai xurisprudencia que así o avala.


"Esta lei foi usada por todos os gobernos de todas as cores políticas", sinalou Prado, a quen posteriormente Rodríguez Rumbo replicou que "o Goberno de (Emilio Pérez) Touriño non o fixo".


CHAMADA AO "DIÁLOGO"


No arranque da tramitación desta lei, superado o debate de totalidade, Prado chamou ao diálogo e a que todos os grupos realicen as súas "achegas" --o propio PP emendouna, como xa avanzou Núñez Feijóo-- porque "haberá debate" ata a súa aprobación definitiva.


Tamén o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, apelou ao diálogo e pediu aos grupos sumarse a unha lei de acompañamento que introduce cambios encamiñados a "dinamizar a venda de chan empresarial, facilitar a conciliación dos empregados públicos, ordenar a venda ambulante no Camiño", ou mellorar a xestión forestal e favorecer que as administracións poidan cumprir coas esixencias de limpeza fronte aos incendios.


relacionada A oferta de emprego público deste ano amplíase en 400 prazas máis e repetirá cifra en 2018
relacionada Os orzamentos de Galicia para 2018 superan este luns o seu primeiro trámite

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress