José Luis Cordeiro: "A morte é un problema técnico que imos curar co tempo"

|

Cordeiro


O profesor fundador da Singularity University e membro da Academia Mundial de Arte e Ciencia, José Luis Cordeiro, mostrouse convencido de que os avances tecnolóxicos acabarán por permitir "rexuvenecer o corpo" e facer que o home poida decidir entre morrer ou ser "unha xeración inmortal".


Así o manifestou nunha rolda de prensa ofrecida na Fundación Barrié con motivo dunha conferencia sobre 'Demografía e tecnoloxía. A morte da morte' no marco do ciclo 'Galicia na Encrucillada. Ciclo de Conferencias sobre Demografía e Futuro'.


"A proba de que a mortalidade biolóxica non existe está no noso corpo", dixo sinalando que as células xerminais non envellecen. A este exemplo, sumou o cancro. Del, dixo que se trata de "unha serie de mutacións que deteñen o envellecemento celular por iso non desaparecen".


José Luis Cordeiro expuxo que, por este motivo, aplícase a quimioterapia e a radioterapia, tratamentos que considerou non se aplicarán "nunha década" cos novos avances tecnolóxicos. Así mesmo, mostrouse convencido de que a medicina "non será curativa, senón preventiva".


TECNOLOXÍA PARA SER MOZOS


Na mesma liña, asegurou que se fornecerá medicación "deseñada" para o xenoma de cada persoa. "En 10 anos a secuencia do xenoma custará 10 dólares", indicou tamén sobre a accesibilidade a probas agora custosas que, na súa opinión, se producirá cos anos.


Ademais, augurou que "en 40 ou 50 anos" haberá tecnoloxía para reanimar "a persoas criopreservadas". Así mesmo, expuxo que "nas próximas dúas ou tres décadas imos ter tecnoloxía para rexuvenecer".


"A cuestión non é se vai ocorrer, senón cando", manifestou. Por outra banda, preguntado polas consecuencias que tería na demografía que persoas optasen por non morrer, manifestou que "é falso que o mundo estea sobrepoboado" e rexeitou, por isto, que teña repercusión.


Mentres, sobre os efectos do cambio climático, indicou que "nos preocupamos máis polo medio ambiente porque somos máis prósperos", pero mostrouse convencido de que coa nanotecnoloxía "en 20 anos non haberá lixo" xa que esta converterase "en materia prima".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress