Firmas por un acuario convertido en centro de recuperación de fauna mariña
A asociación animalista Libera! anuncia unha campaña para que a Xunta reactive unha promesa da primeira lexislatura de Feijóo.
A asociación animalista Libera! iniciará unha recollida de firmas a través da plataforma 'Change.org' para pedir a reconversión do acuario da Coruña nun centro de recuperación de animais mariños.
Diso informou a asociación nun comunicado, no que criticou que, a pesar de que a Xunta "anunciou en 2009 e 2010" que Galicia contaría cun centro de recuperación mariña nun municipio da provincia de Pontevedra, este nunca se chegou a materializar.
Fronte a iso, os animalistas expoñen como primeiro paso a adhesión a unha proposta de Marea Atlántica, que propón unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2018 para financiar programas de conservación de fauna mariña fóra do seu hábitat, cunha dotación económica de 100.000 euros.
"Este sería un comezo, ao poder traballar sobre a recuperación e conservación da biodiversidade máis inmediata nas augas galegas", indica Libera!, que asegura que a súa aposta sería "moito máis económica para as actas da Xunta que a construción desde cero dun centro propio".
Escribe o teu comentario