A fraxilidade defensiva manda ao Depor á lona

Os de Cristóbal Parralo caeron na Rosaleda por 3-2 despois de remontar o tanto inicial de Rosales. 


|


DPACI8wVAAA98S 1

Sidnei co balón. Foto: RC Deprtivo da Coruña


Catro porteiros ocuparon a portería herculina en só doce xornadas encaixando 23 goles. Uns datos que serven para explicar a décimo sexta posición na táboa do Deportivo da Coruña, un equipo que volveu a perder unha final despois de caer ante o Malaga CF, que cos tres puntos abandona o faroliño vermello da táboa e suma a súa segunda vitoria do curso, as dúas ante os equipos galegos. Os pupilos de Cristóbal Parralo non souberon traducir o seu acerto para gol sendo eficientes na súa área, polo que os goles de Lucas Pérez e Schär, que remontaron o tanto inicial de Rosales, foron sepultados polos tantos do 'Chroy' Castro e do ex branquiazul Borja Bastón, dando a vitoria ao cadro boquerón.


O Depor segue pecando de non ter as ideas claras. Rubén volveu á portería que xa ocuparon no seu día Tyton, Pantilimon e Francis. Parralo segue probando cousas na liña defensiva branquiazul sen dar coa tecla, mentres que na zona de tres cuartos de cancha o técnico parece dar a alternativa a Lucas Pérez definitivamente, en detrimento de un Andone molesto pola falta de minutos.


Os primeiros minutos do duelo parecían decantarse ao lado galego, máis metido no partido e o equipo que propuxo máis futbol ao longo do partido. Guilherme tivo a primeira gran ocasión do encontro cun disparo afastado que se marchou por liña de fondo. Pero o Malaga adiantouse superado o cuarto de hora de xogo, noutra mancha no historial defensivo dos coruñeses. Córner botado ao segundo pau para a chegada en solitario de Rosales que, libre de marca, tivo tempo a acomodar o balón e empalar un disparo forte ao segundo pau que se coou entre unha nube de pernas. 1-0 e primeira na fronte dos de Parralo.


A partir de aí o Depor foi a máis poñendo en apertos a Roberto, como cun disparo de Bakkali co que o porteiro tivo que facer méritos para bloquear. O premio herculino chegou pouco despois, cun centro desde a dereita que cabeceou impecablemente Lucas Pérez para levar as táboas ao luminoso. O empate deu máis aire a un Depor ambicioso, que nun mal despexe de Luís Hernández a punto estivo de facer o segundo. Os albiazules tamén tiveron as súas ocasións, especialmente por medio do uruguaio Rolon aínda que sen acerto.


A segunda parte foi un pouco máis do mesmo, cos coruñeses máis decididos a ir a por o partido. Ao pouco de reiniciarse o partido, Schär aproveitou un rexeite de Roberto para facer o 1-2. O suízo facía así o seu primeiro gol, remarcando o seu excelente partido. Coa vantaxe no marcador, Parralo moveu o banco dando entrada a Mosquera por Cartabia, que estaba a ser un dos mellores. A idea era ter máis o balón e durmir o partido, pero os plans non sempre saen ben. Un erro na zaga branquiazul traduciuse nunha xenialidade de Ontiveros, tamén saído desde a banqueta, que puxo un centro picado ao segundo pau que superou a liña de meta nunha carambola interminable. O tanto, entre a confusión, foi obra do 'Chory' Castro.


Ao Depor, que xa lle custa ir contracorriente, empezóuselle a facer longo un partido que tiña controlado, e os de Michel foron crendo máis e máis nas súas posibilidades. Cos galegos asediados na súa área, o Malaga resolveu o partido por medio dun pase en profundidade que resolveu espléndidamente o exdeportivista Borja Bastón, poñendo o definitivo 3-2 a seis minutos do final. Xa con máis corazón que futbol, o Depor deu un paso á fronte, pero o reloxo non deu opcións a máis oportunidades claras. Tres puntos que quedan en Andalucía. Outros tres que voan da marcadora herculina cando todo parecía favorable. O Deportivo da Coruña queda un pouco máis preto do abismo, mentres que o Malaga empeza a ver de novo a luz ao final do túnel. Queda moita liga por diante e moito que traballar en Abegondo.

Ficha técnica:


Málaga CF: Roberto, Rosales, Luís Hernández, Baysse, Juankar, Rolón (Juanpi, min. 57), Adrián, Keko (Ontiveros min.57), Chory, Rolan e Peñaranda (Borja Bastón, min. 64).


RC Deportivo: Rubén, Gerard Valentín, Schär, Sidnei (Albentosa, min. 46), Luisinho, Guilherme, Borges (Çolak, min. 72), Fede Valverde, Bakkali, Cartabia (Mosquera, min. 62) e Lucas.


Goles: 1-0 Rosales (min. 15); 1-1 Lucas (min. 23); 1-2 Schär (min. 52); 2-2 Chory Castro (min. 63) e 3-2 Borja Bastón (min. 84)


Árbitro: Martínez Munuera, do comité territorial valenciano, amoestou con amarela aos visitantes Guilherme, Navarro, Çolak, Luisinho e Bakkali e aos visitantes Peñaranda, Rosales, Juanpi e Juancar.


Incidencias: partido da 12ª xornada de LaLiga Santander disputado na Rosaleda ante 24.653 espectadores.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE