Centos de persoas reclámanlle á Xunta "menos propaganda" co medio rural

|

TractormaniruralCatro tractores encabezaron a manifestación. Foto: Unións Agrarias


Centos de persoas convocadas polo sindicato Unións Agrarias percorreron este sábado as rúas de Santiago de Compostela para denunciar o "abandono" do rural por parte da Xunta, á que acusan de centrar as súas políticas en "titulares de prensa" con anuncios de axudas "que despois non chegan" aos agricultores e gandeiros.


A marcha partiu pasadas as 12 da mañá da Alameda compostelá, onde se concentraron varios centos de persoas, entre elas, representantes do PSdeG-PSOE, como o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero; o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga; ou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.


Ao comezo da manifestación, que foi encabezada por catro tractores; o secretario xeral de Unións, Roberto García, atendeu aos medios para denunciar "a falta de resposta" do Goberno galego a cuestións como o problema dos incendios ou o envellecemento e o despoboamento que sofre o rural galego.


García criticou que o executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo use "como coellos de indias" os habitantes do rural "para mandar mensaxes á poboación urbana de que se están dando cantidade de axudas para afrontar esta situación".


"As axudas que anuncian quedan en titulares de prensa e ninguén fai un seguimento do que pon o DOG para cobrar. Todos os xoves vemos ao presidente da Xunta anunciando millóns de euros que despois non chegan ao rural", aseverou.


Pola súa banda, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, cargou contra "as políticas de inacción e incompetencia da dereita", xa que, ao seu entender, o PP emprega "parches que non resolven os problemas de dinamización e recuperación de forma integral".


"É unha formulación propagandística de aparencia que non profunda e non dá unha solución transversal aos problemas que están encima da mesa", indicou Caballero.


Maniruralstg

INCENDIOS E ENVELLECEMENTO


Roberto García manifestou que a promesa lanzada por Feijóo ao comezo do seu actual mandato de que esta sería "a lexislatura do rural" traduciuse en que se persegue a través de inspeccións a cesión a fillos dos dereitos das leiras ou a colaboración familiar na recollida da uva ou a pataca.


Ademais, puxo o foco en que "máis da metade" dos titulares de explotacións gandeiras ou agrícolas en Galicia teñen "máis de 55 anos". A continuación, resaltou que "o desmantelamento dos servizos públicos" como consecuencia da crise pon moi costa arriba a incorporación dos mozos ao rural, xa que, quen decida dar o paso, debe "asumir ser un cidadán de segunda".


En canto á problemática dos incendios forestais, o líder sindical expresou que "a mellor forma de combater o lume é incentivar a actividade no medio rural". "Onde non hai agricultores e gandeiros, que son devasas naturais, e cando se combina con fenómenos climatolóxicos como os que vivimos, póñense en risco os núcleos de poboación".


Así as cousas, apuntou que os incendios "non son só un problema de ordenación, é un problema de actividade". "A prevención que fan os gandeiros e agricultores cos pastos non só é máis barata que a que fan as máquinas, senón que permite dar vida económica e frear os incendios", remarcou.


"UN ESFORZO ESPECIAL"


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou os argumentos da mobilización convocada este sábado por Unións Agrarias en protesta polas políticas do Goberno galego en relación ao medio rural. "Se algo se veu facendo nos últimos anos é un esforzo especial, porque nos xogamos moito", sinalou Rueda, en referencia ás axudas autonómicas ao sector agrogandeiro.


Ademais, o vicepresidente da Xunta resaltou a "reacción rápida" do Goberno galego con "accións concretas" para afrontar "os problemas que se van producindo".


Por último, Alfonso Rueda dirixiuse aos promotores da manifestación para pedirlles unha actitude "construtiva" e que fagan "propostas para tratar de acertar entre todos" en aspectos relacionados coa distribución dos fondos públicos no sector agrícola e gandeiro.


relacionada O "abandono" do rural, motivo dunha manifestación en Santiago o sábado 18 de novembro
relacionada "A única solución para atallar os incendios pasa por conseguir que exista actividade rural"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress