"Sobran os motivos" para que a manifestación do sábado pola sanidade pública se faga escoitar

|

PacientespasilloPacientes nun corredor do hospital.


A plataforma convocante da manifestación do sábado 18 de novembro en Santiago de Compostela, composta por diversos colectivos e asociacións que loitan en defensa da Sanidade Pública, ofreceu unha rolda de prensa na que expresan os motivos da convocatoria e o seu malestar pola situación que atravesa unha Sanidade Pública "cada vez máis privatizada".


A plataforma considera a manifestación como "unha expresión de repulsa necesaria" polos moitos problemas que acosan á Sanidade Pública, entre os que destacan o crecemento das listas de espera e a creación de listas de espera paralelas para as persoas que se negan a operarse pola privada, o peche de camas a pesar do aumento das listas, o peche de centros médicos ou a precariedade laboral. Ademais, desde a plataforma denuncian a falta de "transparencia, de control e de sancións ás empresas que non cumpren os contratos asinados coa Sanidade Pública".


Outro punto de interese que denuncian desde a plataforma é a obsolescencia do material sanitario que utilizan e a privatización de servizos vinculados á Sanidade Pública, como o servizo de ambulancias ou o de limpeza e mantemento. "O material non se repón e témonos que ver obrigados a reparar tensiómetros por exemplo con esparadrapo. Da innovación tecnolóxica xa nin falamos, pero o material co que contamos está desgastado, é escaso e non se repón" subliñaba Eli Dosil, membro da plataforma que declaraba que en ocasións teñen un só instrumento medico "para atender a 24 pacientes". Ademais, demandan que a empresa encargada de renovar e reparar o material sanitario non cumpriu o contrato asinado e que o goberno non interpuxo sancións a esa empresa contratista.


FUGA DE CEREBROS E PRIVATIZACIÓN


Outro punto de interese é a crecente escaseza de persoal, motivada pola fuga de profesionais a outros países. "Os profesionais buscan unhas condicións dignas que actualmente non se están dando, xa que neste momento non se busca a especialización senón que buscan un profesional multiusos". Isto, segundo informan desde a organización, non fai máis que beneficiar o sector privado, o principal beneficiado da precariedade na sanidade pública, ademais de prexudicar a formación dos profesionais que entran.


O anteproxecto de reforma da 'Lei de Saude' é outro dos proxectos que benefician a entrada das organizacións privadas na Sanidade Pública, algo que desde a plataforma se negan a aceptar xa que "non podemos deixar que a sanidade caia en mans privadas, non poden esperar sacar beneficio económico da sanidade. O beneficio é unha sociedade sa". Outro dos obxectivos máis importantes da organización dar visibilizade á falta de nova formación nunha profesión que require "estar en constante formación polas innovacións técnicas que nacen a diario e que benefician o noso traballo".


Un dos factores que doutra banda benefician privatización é a escasa participación cidadá, á que acusan de implicarse pouco nun "problema de todos". "Cando alguén está enfermo quere curar, dálle igual quen o faga" lamentan desde a asociación, conscientes de que a sociedade "vive con medo a demandar un mellor servizo" e que aínda asimilou que a Sanidade Pública é "un dereito universal".


A manifestación, convocada para o sábado, sairá ás 17:00 horas da Estación de Tren de Santiago e concluirá na Praza da Quintana. "Sobran os motivos para estar o día 18 na manifestación co obxectivo de dar voz ao abuso ao sistema público que tanto nos custou conseguir" declaraba Carolina Iñarrea, membro da plataforma. Doutra banda, a plataforma mostrouse optimista en canto ao seguimento da manifestación, xa que teñen constancia de que moitos autobuses que puxeron a disposición para os interesados en participar na marcha e que partirán de distintas cidades galegas están cheos e outros grupos virán directamente á cidade compostelá en coches ou directamente en tren.


A Plataforma Galega das Marchas da Dignidade ten na súa conta de facebook os horarios e paradas dos buses con destino Santiago.



relacionada O Sergas insiste no seu relato e nega que exista peche de camas cada verán
relacionada Dous meses de "exilio farmacéutico" na procura dun medicamento contra arritmias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress