A oposición considera que a indemnización do Prestige chega tarde e é insuficiente

Lamentan que non fose aceptada a estimación económica da Fiscalía, que cifraba en case 4.500 millóns a reparación do dano.


|

PrestigevoluntarioschapapoteVoluntarios limpando chapapote. Foto: PSdeG


Os tres partidos da oposición cuestionaron a contía fixada pola Audiencia Provincial da Coruña en concepto de indemnización pola catástrofe do Prestige, que supera os 1.600 millóns de euros pero sitúase moi por baixo dos case 4.500 que estimara a Fiscalía.


"Que haxa practicamente 3.000 millóns de euros que a Fiscalía acreditou en danos que non se van pagar significa que ás empresas de transporte de petróleo lles sae moi barato contaminar", censurou o portavoz de En Marea, Luís Villares.


Pola súa banda, o representante do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, expresou a súa "perplexidade" polo feito de que non fose aceptada a estimación económica da Fiscalía, realizada sobre a base dun "estudo científico bastante sólido". "Criamos que a súa petición estaba ben fundamentada", apostilou.


En paralelo, desde o BNG, a deputada Montse Prado criticou tanto o importe da indemnización como a súa repartición, pois 1.573 millóns de euros irán destinados a España, outros 68 millóns de euros corresponden a Francia e á Xunta chegarán 1,8 millóns.


15 ANOS DESPOIS


Ao fío diso, a nacionalista tachou o fallo de "tardío e insuficiente", mentres considerou que supón "unha nova burla" ao pobo galego, que non é "compensado" a pesar de que "coas súas mans tivo que limpar de chapapote as praias e as costas".


Respecto diso, o dirixente socialista sinalou que a contía destinada á Xunta corresponde ao tratamento do fuel, xa que en 2005 "renunciou a toda indemnización". Agora, o que defendeu é que "debería recibir" os fondos estatais, a fin de paliar "o dano moral obvio, extenso e profundo" que recoñece a propia sentenza.


E se Leiceaga fixo fincapé en que os 15 anos transcorridos desde a catástrofe desvirtúan a acción da Xustiza, o responsable da formación rupturista incidiu en que "non é xusto" que os danos non fosen "reparados" despois de tanto tempo.


REFORMA NORMATIVA


Neste escenario, o maxistrado en excedencia concluíu que a normativa internacional vixente é "claramente insuficiente" para "satisfacer todas as responsabilidades" derivadas do afundimento do petroleiro, tanto a nivel ambiental como persoal.


É por iso que avogou por que se reforme, tamén cun enfoque "disuasorio", ao obxecto de "evitar que haxa a tentación de seguir usando buques en mal estado".


Así mesmo, Montse Prado advertiu de que Galicia "segue indefensa" fronte ao paso de buques con mercadorías perigosas e responsabilizou á Xunta e ao Goberno de "non implantar medidas de prevención e salvamento adecuadas para frear futuras catástrofes no mar".


A XUNTA, "SATISFEITA"


A Xunta, en cambio, mostrou a súa "satisfacción" porque a Xustiza "recoñecese integramente a indemnización que reclamaba" polos danos derivados do accidente.


A Xunta lembra que no auto se solicita indemnización ao Estado por gastos patrimoniais, compensacións ao sector pesqueiro polo paro temporal, ademais de danos ambientais e morais, dos cales xa foron aboados 145 millóns de euros polo Estado á Xunta como gastos realizados polo Goberno como consecuencia do sinistro.


relacionada A Audiencia da Coruña eleva a indemnización do Prestige por riba dos 1.600 millóns
relacionada Doce mil barcos con mercadorías perigosas pasan cada ano por Galicia 15 anos despois do Prestige

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE