O BNG presenta a súa campaña contra a violencia machista e a Xunta defende a súa

A deputada Noa Presas adianta que reclamarán no debate de orzamentos destinar o 1% a políticas contra a violencia machista.


|

NoapresasmachismoNoa Presas, na presentación. Foto: BNG


En plena onda de críticas cara á campaña institucional deste 25 de novembro, o BNG presenta a súa propia campaña co lema 'Rompe o patrón' e a intención de "visibilizar situacións contra as mulleres e poñer o acento en quen son as persoas que agriden".


Así, a deputada e responsable de Acción feminista do BNG, Noa Presas, deu a coñecer este mércores os tres carteis que conforman a súa proposta. Baséanse en tres preguntas: 'Ameazáchela?', 'Dubidas se ela quería sexo?' e 'Espiaches o móbil dela?'.


Ademais, como informa o partido, a iniciativa contempla tamén a presentación de propostas nos concellos e deputacións para loitar contra a violencia machista, así como "unha intensa axenda de actos nas comarcas".


No Parlamento, o grupo nacionalista pedirá no debate de orzamentos destinar o 1% (100 millóns de euros) a políticas de loita contra a violencia de xénero.


Noa Presas tamén aproveitou a presentación para volver instar á Xunta a "rectificar" e retirar a campaña que "ofende as mulleres e insiste en manter estereotipos que alimentan a violencia machista"


"TODAS AS CAMPAÑAS SON BOAS"


Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, insistiu en que "todas as campañas son boas" para loitar contra a violencia de xénero, en relación á polémica xerada pola da Xunta con motivo do 25 de novembro, impulsada baixo o lema 'O máis grande de Galicia non se maltrata', que para a oposición supón "cousificar" a muller.


Preguntada este mércores respecto de se se expón reformular a campaña á luz das críticas, López Abella reiterou, como xa dixera o luns, que "as polémicas non axudan a ninguén" e, máis ben ao contrario, criticou que "prexudican moito".


Así mesmo, interrogada pola campaña 'En negro, contra a violencia', que puxo en marcha o Concello de Santiago e á que se sumaron 75 municipios, a responsable de Igualdade da Xunta defendeu que a Administración autonómica "ten a súa propia campaña".


"Se cadra habería que preguntarlle...", sinalou, nunha frase sen rematar que suxería malestar pola iniciativa do Consistorio compostelán. E é que López Abella fora cuestionada polo feito de que a parte do Pazo de Raxoi correspondente á Xunta non estendese unha faixa negra, como si se despregou no lado do Consistorio.


Con todo, a secretaria xeral recalcou que "todas as campañas son positivas", debido a que teñen "como obxectivo principal sensibilizar" e "tecer redes é fundamental" para combater a lacra da violencia machista. "Fortalécenos como comunidade autónoma", engadiu.


REDE DE ENTIDADES LOCAIS


De feito, López Abella e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta xornada un convenio para impulsar a rede de entidades locais contra a violencia machista, que xa se creou en 2012.


Actualmente son 177 concellos adheridos (en 2017 uníronse 10 máis e tres mancomunidades), coa vontade de chegar á totalidade dos consistorios galegos, para favorecer a coordinación e "fortalecer" esta loita.


Dentro desta rede, que conta con 67 concellos da provincia da Coruña, 41 de Pontevedra, 35 de Lugo e 34 de Ourense, a Xunta oferta de forma gratuíta varias actividades, como exposicións, charlas, cursos de defensa e programas de asesoramento e terapia familiar, entre outros. Aínda que, como admitiu a titular do departamento autonómico, un municipio pode optar a eles sen a necesidade de formar parte da rede.


Pola súa banda, o responsable da Fegamp denunciou o "inaceptable" que considera que unha elevada porcentaxe de nenos galegos consideren "algo normal" a violencia de xénero. "É terrible e tremendamente preocupante", advertiu.


relacionada Críticas contra a campaña institucional do 25 de novembro polo seu "paternalismo rancio"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE