Augas pide aos concellos do Lérez medidas para reducir o consumo de auga

|

RobertorodriguezaugasO director xeral de Augas presidiu a reunión.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, presidiu este luns a reunión de coordinación cos doce concellos afectados pola activación da alerta por seca no sistema do Río Lérez e Ría de Pontevedra, na que lles requiriu información para establecer con cada un deles "obxectivos e metas concretas para reducir o consumo" de auga.


Ao encontro asistiron representantes dos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, Vilaboa, Poio, Sanxenxo, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A Estrada, aos que o director de Augas de Galicia indicou que "na actualidade o abastecemento á poboación está garantido".


Con todo, aclarou que este "non é ilimitado" e para paliar os posibles efectos desta situación de seca debe producirse un incremento das achegas hídricas, ou ben con choivas "situación que non depende das administracións", ou ben reducir os consumos, "empezando por aqueles que non son prioritarios".


"Se a situación non mellora", dixo, aplicaranse "outro tipo de medidas", como a redución de consumos non esenciais, a revisión do estado das redes de subministración ou a rebaixa da presión na subministración.


Na reunión deste luns o responsable de Augas de Galicia demandou aos concellos que remitan información sobre a situación en cada municipio, unha enquisa con datos de consumos e usos, para que "a próxima semana" poidan "volver convocar esta mesa e entón acordar xa un obxectivo completo de porcentaxe de redución deses consumos en cada concello".


SITUACIÓN DO LÉREZ


No encontro os técnicos de Augas de Galicia informaron da situación "anómalamente baixa" que atravesa o Río Lérez cun caudal circulante que se corresponde co 95% menos de auga que hai un ano "cun caudal máis propio do verán que desta época", sinalaron.


O director a de Augas de Galicia recoñeceu, ademais, a preguntas do concelleiro pontevedrés Raimundo González, que aínda non se fixo efectivo o recorte de auga á empresa Ence, pois aínda se está tramitando e, probablemente, esta semana se teña a resolución para dicirlle á fábrica de celulosa que reduza o seu consumo.


Unha vez que se aplique esta medida, Ence unicamente poderá usar o 50% do caudal que ten concedido, xa que os consumos industriais (diferentes ao da acuicultura ou a produción hidroeléctrica, como é o caso de Ence) ocupan o posto número cinco entre as prioridades establecidas no Plan Hidrolóxico, no que o abastecemento se sitúa primeiro.


"EMPODERAR OS CONCELLOS"


Mentres, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, espera que a situación de seca sirva para "sentar as bases dunha nova relación entre os concellos e a Administración autonómica" para as decisións que se teñan que adoptar "de cara ao futuro".


Este rexedor reclama "unha política de augas, diferente e nova" na que se contemple "empoderar os concellos con novas medidas" que lle permitan ampliar a súa marxe de manobra á hora de actuar que os consistorios pasen "de ser actores secundarios a protagonistas principais", resumiu. Ademais, apostou por "mellorar e optimizar os recursos hídricos" nun escenario de cambio climático.


Nesta mesma liña pronunciouse o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que demandou unha "solución global" á seca por parte da Xunta, tendo en conta que "se ve que é un problema que en anos sucesivos imos seguir sufrindo".


No municipio de Barro, dunha poboación 3.700 veciños, "só 900 habitantes teñen subministración de auga potable por parte do Concello", o resto capta este recurso de mananciais no monte, cuxo caudal diminuíu, o que obrigou durante os meses do verán a facer cortes nocturnos, fornecerse con camións cisterna e reducir a auga ao uso doméstico. A principios de outubro conseguiuse unha nova captación. "Iso permitiunos estabilizar o consumo", abundou.


relacionada A alerta por seca na zona do Lérez faise efectiva este martes
relacionada Denuncian "o uso e o abuso por parte de Ence do caudal do Río Lérez"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress