En Marea defende favorecer a nacionalidade aos netos de emigrantes
Yolanda Díaz demanda unha lei de nacionalidade inclusiva e informar adecuadamente aos descendentes de españois.
Yolanda Díaz e Ángeles Fernández Ramil. Foto: @En_Marea
A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, apostou pola creación dunha lei de nacionalidade inclusiva orientada aos netos de descendentes de españois que por diversos motivos se viron obrigados a emigrar a outros países.
Así o dixo tras reunirse con María de los Ángeles Fernández Ramil, integrante do Centro de Descendentes Españois Unidos na sede de Ferrol en Común.
Díaz asegurou que esta cuestión é "un elemento central" para o grupo confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, e buscarase impulsar esta iniciativa "como proposta de lei", lamentando que outras propostas presentadas por outros grupos "non solucionan os problemas" que sofre este colectivo.
Fernández Ramil advertiu de que as institucións galegas e españolas no exterior "non informan de maneira adecuada e conveniente" aos descendentes de emigrantes.
Segundo exemplificou, os seus dous fillos perderon a nacionalidade española, tras residir durante 32 anos en Chile, polo descoñecemento dunha disposición do Código Civil. "Sinala que, aínda que ti sexas español, a terceira xeración, é dicir neto, teste que achegar ao consulado e ratificar o teu desexo de ser español, algo que fariamos de sabelo".
Tamén se referiu a outros supostos "problemáticos", como que "se transmite a nacionalidade por avó, pero non por avoa, o que é absolutamente discriminatorio", ao mesmo tempo que recolle que poden ser españois "os netos menores de idade, pero non os maiores".
Outra circunstancia refírese a que "che obrigaban a cambiar de nacionalidade, no país de acollida, e que xa automaticamente xa non transmites a túa anterior nacionalidade aos teus fillos".
Escribe o teu comentario