Remata o período de alto risco de incendios coa Xunta investigada por irregularidades

|

Helicopterodepositoagua


O alto risco de incendios remata este domingo, 12 de novembro, no ano no que máis se prolongou este período na historia de Galicia, por diante do 2011, cando finalizou o 24 de outubro.


De tal forma, desde o luns o risco de incendio pasa a medio en Galicia, cun dispositivo total que se reduce a 2.900 efectivos. Con todo, seguen prohibidas as queimas agrícolas ata novo aviso da Xunta.


Como recolle o plan de loita contra o lume (Pladiga), o período de alto risco comprende de forma xeral os meses de xullo, agosto e setembro. O mes de outubro atópase en risco medio (con febreiro, marzo, abril, maio e xuño) e o de novembro no de tipo baixo (xunto a decembro e xaneiro).


O PEOR ANO DO ÚLTIMOS DEZ


Ao longo de todo o ano arderon en Galicia 61.600 hectáreas --49.000 na onda de mediados de outubro e 12.600 ata esa data--. Esta cifra supón catro veces máis que o obxectivo marcado pola Xunta de superficie queimada para 2017, que non debía superar as 15.204 hectáreas.


Esas 15.204 hectáreas son a media do queimado na última década, cuxo tope ata 2017 se atopaba nas 42.392 de 2011. Só superaron esta cifra as 95.947,5 tras a vaga de lumes de 2006.


MÁIS POBOACIÓNS EN PERIGO


Por outra banda, para este ano a Consellería do Medio Rural marcaba no Pladiga o obxectivo de quedar por baixo das 13 situacións 2 --aquelas nas que están en perigo inmobles e persoas--, pois son a media que houbo no último lustro.


Con todo, no que vai de ano activáronse en 22 ocasións este nivel 2, 19 delas na vaga de lumes e as outras tres ao longo de todo o ano ata ese momento, segundo os datos achegados esta semana polo presidente da Xunta.


IRREGULARIDADES COS HELICÓPTEROS


Pero este ano a fin da época de alto risco de incendios forestais chega tras coñecerse que o máximo responsable da política forestal da Xunta durante 17 dos últimos 21 anos, Tomás Fernández-Couto, está investigado por presunta prevaricación na contratación de helicópteros contra incendios.


E é que, tal e como detalla a investigación xudicial, desde a chegada á Xunta de Feijóo como presidente, prorrogouse en dúas ocasións o contrato, ata decembro de 2011. E ata 2013 non se volveu adxudicar o servizo, que, segundo a fiscalía, se fixo quebrantando a "igualdade, publicidade e legalidade" que deben respectar os procedementos públicos.


relacionada A Fiscalía denunciou o "quebranto" da "publicidade e legalidade" nos contratos de helicópteros
relacionada Tomás Fernández-Couto, imputado pola adxudicación "sen transparencia" dos helicópteros antiincendios
relacionada As estimacións da vaga de incendios quedaron curtas, arrasou case 50.000 hectáreas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress