A inspección educativa

Jose Luis Fernandez Diaz
Colaborador

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. 

Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.

Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras. 

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Aulaclasecolegio


Sempre que comeza un curso escolar hai un cúmulo de sensacións que pertencen a unha dimensión aínda sen definir. Estou a falar da impotencia que supón detectar problemas no sistema educativo sen chegar a un pacto pola educación. E polo visto, non dá chegado e poucos acreditan no que vén de camiño. Por iso, ao longo deste ano, imos analizar paseniño cada un dos aspetos máis sensibles relativos á educación, comezando hoxe pola inspección educativa.


En cumprimento das esixencias da normativa actual, LO 2/2006 do 3 de maio revisada o 18 agosto de 2015, Decreto 99/2004 e Orde de 13 decembro de 2004, os inspectores de educación sobreviven nun mar burocrático de papeis, decretos, ordes e circulares internas. Os profesores comparten moi pouco tempo cos inspectores, entre outras cousas porque o sistema educativo está excesivamente estruturado, esquecendo que os tempos cambian a un ritmo sen pausas nin cadencias. 


Os arquetipos familiares non son os de sempre. As familias inmigrantes enriquecen a diversidade por unha banda, modificando o ensino ao incluír nas aulas novas mentalidades e idiosincrasias que distan moito da homoxeneidade tradicional doutros tempos. Este feito non se xulga bo ou ruín. Simplemente existe. 


Por outra banda, os cambios tecnolóxicos revolucionaron non só o ensino senón tamén a sociedade. Os docentes pasaron do xiz e o encerado para programar 'escornabots' con Arduino, isto é, robots para nenos. Iso implica un cambio tan importante que a renovación pedagóxica sempre terá que estar presente ao longo das nosas vidas, adaptándonos aos tempos. E neste sentido boto en falta unha profunda reforma no corpo de inspectores. Se entre as súas competencias estivese o axudar aos docentes con alumnos de necesidades educativas especiais, para integralos na aula e desenvolver as súas potencialidades, o sistema educativo gañaría en calidade e as relacións co profesorado pasarían a ser moito máis próximas. 


Ao implicarse na comunidade educativa cunha participación máis activa, axudarían a revisar os reforzos educativos de alumnos que non teñen adaptacións curriculares porque non as necesitan, e chégalles cun reforzo puntual. Para iso habería que reestruturar os equipos de orientación contando coa presenza do inspector. O único problema é que isto supoñería un incremento orzamentario moi importante.


Por outra banda, o inspector debería ter a oportunidade de intercambiar o seu posto de traballo polo de formador na Universidade. Isto era posible en 1932 e o que funcionaba ben non debería cambiarse. Do mesmo xeito, os inspectores non deberían afastarse en exceso da práctica docente, volvendo dar clase; para coñecer que ningún tempo pasado é suficiente para coñecer o presente. Aínda que nas convocatorias para o posto de inspector se esixe un mínimo de 6 anos de práctica docente, a realidade é que unha vez integrados no corpo, o seu papel redúcese ao estritamente burocrático e a desconexión coas aulas, alumnos, mestres e profesores, só se retoma en intervencións puntuais nalgúns departamentos nos centros de educación secundaria.


A inspección educativa ten un papel fundamental no sistema educativo. O pacto pola educación debería comezar pola elaboración dun Estatuto da Función Docente. Isto axudaría a determinar unha normativa para os docentes, evitando que estivese diseminada por un marco lexislativo complexo e en algúns casos impreciso. Daquela, os inspectores terían máis tempo en ocuparse dos temas dos que xa falamos e que a todos nos preocupan.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE