"Un can ataca por medo, malos tratos ou porque o educaron para atacar"

|

DogoburdeosencerradoCan de raza dogo de Bordeus.


A pequena localidade de Covelo, na provincia de Pontevedra, segue conmocionada despois de que dous cans, da raza dogo de Bordeusatacasen a unha octoxenaria veciña da localidade o sábado pola noite. A muller, aínda internada nun centro sanitario con prognóstico grave, sufriu amputacións nas dúas pernas a causa do ataque dos cans, propiedade dun veciño que non os tiña identificados nin coas vacinas ao día.


Agora os cans atópanse baixo custodia tras o requirimento da Garda Civil e o seu propietario enfróntase a un delito por imprudencia grave con resultado de lesións, ademais das denuncias por non ter rexistrados debidamente os animais, considerados 'potencialmente perigosos'. Pero, que é exactamente un can potencialmente perigoso? "Un Can Potencialmente Perigoso (ou PPP) é a denominación que reciben as razas de can clasificados segundo os seus atributos físicos, como o tamaño e a forza da mordida, polo seu perigo á hora de causar danos físicos" explica Nely Castaño, membro da Asociación Protectora de Animais 'Moura'.


Este tipo de cans necesitan, ademais, unha licenza especial para o seu coidado. "Para obter a licenza debe superarse un test psicotécnico. Unha vez superado, o can ten que ter o chip identificador correspondente, as vacinas e ten que estar asegurado. Cando a documentación está en regra, o propietario debe enviala á Garda Civil ou a Policía, que se encarga de dar a licenza" cóntannos desde 'Moura', especializados na recollida e coidado de animais abandonados ou que sufriron malos tratos. Ademais, as persoas "menores de idade ou con antecedentes penais" non poden ter cans PPP ao seu nome.


En canto ao coidado desta clase de animais, desde a asociación aclaran que os cans PPP "non necesitan coidados distintos ao resto de razas". "Que un can sexa ou non agresivo depende unicamente do seu adestramento ou educación, non da raza. A educación durante o paseo, (nestes casos sempre con boceira ademais do arnés e a correa) ou no xogo con outros cans, só depende do tamaño do can, pero non por pertencer a unha raza ou a outra a súa educación é distinta" comentan sobre a educación canina.


As razas de can potencialmente perigoso, doutra banda, están perfectamente delimitadas e son os veterinarios os que se encargan de diferenciar que cánidos entran dentro de cada categoría. No caso dos cruces, por exemplo entre un pastor alemán e un dogo, a denominación de PPP dependería de "se as características físicas se corresponden máis coa do dogo" xa que se, pola contra, é máis próximo á raza do pastor alemán "non ten por que ter licenza".


En 'Moura' traballaron durante moito tempo coa reinserción de cans abandonados ou maltratados, aínda que non tiveron casos de cans que atacasen a persoas. "Os cans só atacan para defenderse se se senten intimidados, se foron educados para atacar ou se recibiron malos tratos" afirman desde a protectora, á vez que recalcan que este tipo de casos son xeralmente "illados" e que porque un can morda unha vez "non ten por que volver facelo, non por iso son agresivos".


Neses casos de agresión debe darse parte á Garda Civil e ao seguro, e activaríase un protocolo de vixilancia sobre o animal. "Realízase un exame exhaustivo a ese can e ponse en corentena para avalialo. Se non reviste cambios no seu comportamento e non mostra agresividade, levántase a corentena e non necesita de ningún tipo de seguimento" aínda que no caso de que volva reincidir ou se a agresión é realmente grave "necesitaríse un control do animal moito máis próximo e valoraríase se supón un risco para a saúde pública". Chegado a ese límite, tal e como informan desde 'Moura' e como establece a Lei de Protección Animal aprobada en setembro "si podería chegar a sacrificarse ao animal, igual que no caso de non ter as vacinas correspondentes ou se puidese transmitir enfermidades como a rabia".


En Galicia existen moitas razas de cans que pertencen ás denominadas PPP: os bóxer, os akitas, os american stanford ou os pitbull son razas de can correntes que entrarían dentro dos parámetros dun can potencialmente perigoso. Doutra banda, para unha persoa con licenza para esta clase de animais, non existe ningún tipo de restrición en canto ao número de cans que pode ter ao seu nome, a condición de que teñan os requirimentos veterinarios necesarios. Desde 'Moura' insisten que para que non se repitan máis casos coma o de Covelo é fundamental "educar os animais desde o agarimo. Os cans ben educados son bos e fieis, indistintamente da súa raza".


Con respecto ao futuro dos dous cans enviados á protectora, desde Moura non aventuran a posible decisión do xuíz, pero consideran que "se ese can é agresivo coas persoas, non se podería dar en adopción a menos que un adestrador canino puidese facer algo con el". Nestes casos, o máis importante sería "ensinarlle a confiar, porque, normalmente, o que lles pasa é que teñen medo e desconfían das persoas, xa que adoitan ser cans maltratados".


relacionada Os dous cans que atacaron a unha muller en Covelo están illados na protectora
relacionada Outra muller sofre o ataque dun can perigoso en Mos, que neste caso era seu

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress