Caballero denuncia o "abuso" da Xunta con garderías e centros de día

|

Alcaldedevigoabelcaballero


O Concello de Vigo presentará un recurso contencioso administrativo nos tribunais da cidade contra a lei autonómica que obriga á administración local a achegar o 30 por cento do financiamento de escolas infantís e centros de día, "por unha cuestión de inconstitucionalidade".


Así o avanzou en declaracións aos medios o alcalde, Abel Caballero, quen proclamou que esa lei "é a maior desvergoña política", e recriminou ao presidente da Xunta que "abre centros de día e escolas na cidade", e "fai pagar" ao concello o 30 por cento duns servizos que son competencia autonómica.


Esa norma (a Lei 2/2016 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación) supón que as arcas municipais deben achegar 205.000 euros para escolas infantís e 350.000 euros para centros de día. "Significa que, como siga así, a Xunta vai a gañar diñeiro neses centros. Que saiba a xente que envía aos nenos ás escolas infantís da Xunta, que esta practicamente non achega nada", aseverou.


Caballero incidiu en que esa lei é "un escándalo político sen precedentes" e confirmou que o goberno municipal a levará porque é "inconstitucional", ao "obrigar" ao concello para pagar "o que ten que pagar" a Xunta. "Imos recorrer e imos gañar", recalcou o primeiro edil de Vigo.


Dito isto, concretou que o primeiro paso será acudir á vía administrativa, onde "fallarán en contra", e logo seguirá polo contencioso. Tamén levará este "abuso" á Federación de Municipios e Provincias (FEMP), que el preside, para que "toda España" saiba "da inconstitucionalidade da lei de Feijóo".


"INCUMPRE A CONSTITUCIÓN"


Finalmente, o alcalde da cidade olívica recomendoulle ao mandatario galego que "fale pouquiño de cuestións de inconstitucionalidade".


"Feijóo incumprindo a Constitución, quen o ía a dicir?", ironizou Abel Caballero, a modo de conclusión.


relacionada Vigo ten auga para pouco máis de tres meses e activa o plan de emerxencia
relacionada Vigo aproba reclamar á Xunta "a xestión e competencias sobre as illas Cíes"
relacionada Caballero clama contra a política aeroportuaria, con Feijóo "agochado"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress