Prorrogada un ano e medio a investigación sobre o concurso de ambulancias do 061

|

Ambulancia061ambuiberica


A causa aberta no Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago para determinar se houbo prevaricación na adxudicación dun concurso de ambulancias da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 no ano 2014 segue na vía xudicial e en xuño acordouse, a instancias da Fiscalía, prorrogar durante 18 meses máis unha instrución que xa fora declarada previamente complexa.


Esta decisión foi recorrida polo técnico responsable de transporte do 061 M.A.M., único investigado no marco deste caso que pretende aclarar se houbo irregularidades na adxudicación do concurso para o transporte sanitario urxente resolto tres anos atrás, cuxo montante ascende a 121,6 millóns de euros. O fiscal Álvaro García Ortiz opúxose a este recurso e defendeu a necesidade de seguir investigando.


"PENA DE BANCO"


A defensa do técnico do 061 defendeu no seu recurso que "sexa polas razóns que sexa" hai unha tardanza que repercute no seu defendido "xa sexa porque exista un excesivo afán de investigar prospectivamente para ver que se atopa ou xa sexa porque non se instan dilixencias de investigación ou as instadas non se levan a cabo".


En resposta ao recurso, o fiscal Álvaro García Ortiz remitiu un escrito en xullo no que se reafirmaba "con máis razón" na necesidade da declaración de complexidade "pois a causa está aínda no inicio da súa investigación".


INFORMACIÓN PRIVILEXIADA


O xulgado compostelán abriu a causa sobre a adxudicación do servizo de transporte sanitario urxente por mor da denuncia de supostas irregularidades que formalizou José Domingo Rodríguez, un empresario lucense excluído do concurso. Fíxoo a instancias da Fiscalía, que recomendou en outubro de 2015 a admisión a trámite da denuncia.


Os feitos arrincaron o 26 de novembro de 2014, cando a Fundación 061 publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) os pregos de condicións relativos á licitación pública, por procedemento aberto, para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre.


A prestación do servizo e a presentación de ofertas dividiuse en 14 lotes (por áreas de transporte), e o 061 fixou un prazo de 15 días naturais para a presentación das ofertas. Finalmente, a parte denunciante subliña que o concurso foi adxudicado a empresas que traballaban coa carroceira ourensá Rodríguez López --un 95,5 por cento--, e a portuguesa Autos Ribeiro --o resto--, entre elas, Ambuibérica.


A investigación tenta determinar se, como conclúe a Policía Xudicial, a Administración puido usar para o concurso pregos de condicións facilitados antes á carta pola carroceira ourensá "en conivencia" coa lusa, o que permitiría ás firmas que traballaron con ela dotarse de ambulancias coas características esixidas en tempo récord.


O empresario lucense denunciante achegou documentación, incorporada á causa, segundo a cal o adxudicatario que quedou co lote da Mariña Lucense, Ambulancias Burela, dispoñía de ambulancias matriculadas e rotuladas meses antes de que se resolvese a adxudicación, o que apoia as sospeitas da Policía de que houbo aspirantes que puideron ter unha posición de dominio sobre o resto.


Pola súa banda, Sanidade defendeu reiteradamente que o concurso investigado se realizou "conforme á normativa vixente" e "garantindo en todo momento o cumprimento estrito da lexislación".


relacionada O PSdeG reclama "responsabilidades políticas" polas "evidencias" de amaño do concurso de ambulancias do 061
relacionada A oposición pide á Xunta "explicacións urxentes" polo concurso de ambulancias do 061
relacionada Os empresarios de ambulancias reclaman contra os salarios dos seus traballadores

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress