Centos de persoas piden desde Galicia a liberación dos presos do 'procés'

"Isto non é só un problema de Cataluña, aféctanos aos nosos dereitos e liberdades", avisaron os convocantes.


|

ConcentracioncatstgConcentración en Santiago. Foto: BNG


Varios centos de persoas mobilizáronse este venres en Galicia, nas sete grandes cidades, para esixir a liberación dos presos relacionados co 'procés' e como mostra de apoio ao pobo catalán.


As mobilizacións, convocadas "pola democracia e a liberdade" pola Plataforma Galiza con Catalunya, celebráronse na praza do Toural (Santiago), fronte á Subdelegación do Goberno (A Coruña, Ourense e Lugo), na praza Amada García (Ferrol), na Peregrina (Pontevedra) e o farol de Urzáiz (Vigo).


Na capital galega, unhas 200 persoas concentráronse para mostrar a súa solidariedade cos ex membros do Govern presos e reclamar a súa liberdade.


Corearon consignas como 'estado español, estado represor'; 'liberdade presos políticos' e 'votar non é un delito'. Ademais, leron un manifesto co que denunciaron que a aplicación do artigo 155 é a de "un estado de excepción non declarado a través do que o PP consigue algo que sempre lle negaron as urnas, como é gobernar Cataluña".


Na concentración, na que se denunciou a situación de "máxima excepcionalidade" que vive Cataluña, participaron cargos do BNG como Goretti Sanmartín e Néstor Rego, así como de En Marea, como Antón Sánchez e Luca Chao.


Ademais, o histórico nacionalista e fundador de Anova Xosé Manuel Beiras asegurou que o ocorrido en Cataluña demostra que "se está nun franquismo sen Franco". "É de escándalo que se encarceren sen posibilidade de liberdade baixo fianza a un goberno elixido democraticamente, mentres se deixa en liberdade aos saqueadores do estado, coma Rodrigo Rato", aseverou.


Mentres, en Vigo, outras 200 persoas, baixo unha intensa choiva, despregaron unha pancarta de 'Galiza con Catalunya'. Entre outros membros do BNG, asistiu a esta mobilización Ana Miranda (representante do BNG en Bruxelas), e tamén secundaron a convocatoria responsables da CIG e da CUT, entre outras organizacións.


Na cidade olívica, coma noutras localidades, as consignas máis repetidas esixiron "non á represión' e clamaron: 'a solución, a autodeterminación'.


Na capital herculina, onde se deron cita unhas 350 persoas segundo os convocantes, escoitáronse proclamas como 'liberdade aos presos políticos', 'democracia si, ditadura non', 'ilegalizar o PP' e 'fascismo nunca máis', así como berros mostrando a 'solidariedade' dos galegos co pobo catalán.


Exhibiuse tamén unha pancarta de 'Acción antifascista Coruña' co lema 'Contra o fascismo, nin un paso atrás', e os participantes portaban numerosas 'esteladas' e 'estreleiras'.


Na cidade departamental a concentración reuniu unhas 200 persoas, mentres que en Ourense os participantes roldaron o cento.


Na capital das Burgas, Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal da CIG, leu o manifesto, para trasladar aos cataláns que 'non estades sós' e mandándolles "un abrazo solidario". "Isto non é só un problema de Cataluña, aféctanos aos nosos dereitos e liberdades", avisou, nun acto tamén con bandeiras republicanas e algunha 'estelada'.


Nesta cidade estivo presente na mobilización a socialista Rocío De Frutos, que dixo que asistía a título persoal, á marxe de integrantes do Bloque e Ourense en Común.


Por último, sobre medio cento de persoas secundaron a protesta en Pontevedra, tamén coa participación de representantes do BNG e a CIG no concello e a Deputación.


relacionada O BNG e En Marea sitúanse contra o encarceramento dos membros cesados do Govern
relacionada A xuíz ordena deter a Puigdemont e os catro ex conselleiros que seguen con el

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE