A campaña 'Compostela en Negro' multiplica as adhesións este ano

|

Compostelanegro


A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, deu a coñecer os detalles da terceira edición de Compostela en Negro, que desde o ano pasado leva por nome Galicia en Negro, con motivo de integrar os concellos adheridos.


Marta Lois explicou que este ano a campaña "desenvolverase do 23 ao 26 de novembro, cando veremos como centos de establecementos hostaleiros, comerciais, etc., tinguirán de negro os seus escaparates como maneira de mostrar a nosa repulsa ás violencias machistas". En Compostela son ao redor de 500 os establecementos que participaron o ano pasado na campaña, mapa do que se parte este ano para sumar máis comercios, hoteis ou axentes sociais.


Tamén destaca a implicación dos institutos da cidade, que este ano poñerán unha pancarta que se lles fará chegar desde o Concello. A maiores facilitaráselles unha unidade didáctica para que poidan usar os colexios no marco do 25 de novembro. O día 21 haberá ademais dúas charlas sobre igualdade en dous institutos de Compostela a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas.


Tamén se unen a Compostela en Negro firmas como Inditex, El Corte Inglés ou Gadisa, que levarán o negro aos seus centros e tendas de toda Galicia. O voluntariado da USC participará novamente nas tarefas de repartición de material nos puntos de distribución habilitados.


INVITACIÓN AOS VECIÑOS


A distribución é unha das novidades deste ano. Haberá catro lugares onde os comercios poden recoller o material para usar os días da campaña. Son a Casa das Mulleres "Xohana Torres", o Matadoiro e os CSC do Ensanche e das Fontiñas.


"Outra das principais novidades -sinalou a concelleira- é a participación dos veciños. Está previsto, a semana próxima, enviar unha postal a cada casa para informar sobre esta campaña e convidar a todo o mundo a que se implique. Animamos a veciñas e veciños a prender das xanelas bandeiras de roupa negra para ser altofalantes da campaña e comprometerse a facer dos seus fogares espazos libres de violencia". Todo o material pode recollerse nos catro puntos de distribución habilitados.


70 CONCELLOS


A campaña traspasou os límites municipais na edición do ano pasado. Se no 2016 foron 17 os Concellos adheridos a Compostela en Negro, nesta terceira edición a cifra ascende a 70. Ademais tamén se quixeron sumar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.


Tal e como avanzou Marta Lois, "o día 15 de novembro está previsto que asinemos un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña onde estarán representantes dos 70 concellos adheridos. Un dos sinais de Compostela en Negro -engadiu Lois- é a unión de todos os municipios cun obxectivo común como é a loita contra as violencias machistas, independentemente do territorio ou da cor política".


TRABALLO EN REDE


A acción apoiarase tamén a través de internet e no mundo virtual a través do emprego da imaxe da campaña para vestir de negro os perfís sociais, webs, cabeceiras dos medios de comunicación, etc, que se pode descargar en diferentes formatos da páxina da campaña.


Para coñecer máis sobre a acción conxunta, pódese visitar a web ennegrocontraasviolencias.gal, onde se atopa o mapa da campaña En negro contra as violencias, e escribir a compostela25n@gmail.com para incorporar os establecementos ou entidades ao mapa de Compostela en Negro. Para participar, só hai que acudir aos puntos onde se repartirá o material da campaña do 16 ao 22 de novembro, e usalo nos escaparates, fachadas, xanelas ou balcóns.


A concelleira tamén avanzou que o vindeiro luns 6 de novembro viaxará a Bruxelas unha delegación dos 17 concellos adheridos o ano pasado para explicar as claves da campaña no Parlamento Europeo. Haberá unha acción de rúa naexplanada diante do Parlamento Europeo cunha performance e repartición de material e camisetas.


A campaña está cofinanciada este ano con fondos FEDER, concretamente dentro da EDUSI.


relacionada A Deputación da Coruña adhírese á campaña 'En negro' contra a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress